“V de Valarés”. Festival na praia

O festival “V de Valarés”, que este ano chega á súa undécima edición, celebrarase os días 18 e 19 de agosto na praia de Balarés (Ponteceso), converténdoa no lugar coa mellor oferta musical e de lecer de Galicia.

Trátase de un festival de música independente que, ano tras ano, sorpréndenos cun cartel sólido e cheo de recoñecidos nomes do panorama nacional e internacional. Polos seus dous escenarios, este ano, poderemos ver (e escoitar) a grupos como Love of Lesbian, La Habitación Roja, The New Raemon & McEnroe ou Los Planetas, aínda que a verdadeira cabeza de cartel é, sen dúbida, o lugar no que se leva a cabo. E é que situada aos pés do Monte Branco, a praia de Balarés ten o encanto das paradisíacas calas de area branca e atópase demais rodeada dun enorme piñeiral que cada ano dá acubillo aos campistas.

Este festival naceu no ano 2004 grazas a un grupo de amigos que se xuntaron a noite de San Xoán na praia coruñesa cun pequeno equipo de música que acompañase as fogueiras. Esa primeira noite medrou en asistencia e en actividades ata converterse nunha alternativa para os mozos de toda a zona. Desde os seus inicios, o festival contou con artistas que achegaron o seu gran de area para facelo crecer e, ano tras ano, foise consolidando como un punto de encontro para os amantes da música e da natureza, que gozan del nunha contorna espectacular.

Cabe dicir tamén que o “V de Valarés” destaca polo seu enorme compromiso co medio ambiente. É por iso que, tanto os produtores do festival como os asistentes, deben acatar unha serie de normas ambientais e desenvolver as actividades cunha conciencia de respecto pola natureza. Así pois o festival prové colectores de reciclaxe e encárgase da recollida selectiva, utiliza enerxía renovable e conta con vasos oficiais reciclables que se entregan aos asistentes, reducindo nun 75% os residuos de bebida. Ademais, un equipo de máis de 50 persoas colabora de maneira voluntaria na limpeza e mantemento da área do festival.

En resumo: por 50 euros (35 euros se é entrada dun só día) poderás gozar dun festival que se distribúe da seguinte maneira:

  • Venres 18: Love of Lesbian, La Habitación Roja, Pablo und Destruktion, White Bats, Disciplina Atlántico, Bifannah e Captains.
  • Sábado 19: Los Planetas, Él Mató a un Policía Motorizado, Airbag, Los Punsetes, The New Raemon & McEnroe, DJ Coco, Terbutalina e Cala Vento. Ademais, no Espazo Mahou, actuarán The Phantom Dragsters, Tito Ramírez, The Dirty Browns, Os Amigos dos Músicos, The Cove e Stoyka.

Se te convencemos e finalmente decides asistir, prepárate para dous días cheos de enerxía, risas e boas experiencias nunha contorna incrible.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *