Unha gala de cociña en directo para coñecer a mellor tapa

Un xurado profesional formado por profesionais do turismo e a gastronomía elixirá hoxe o mellor cociñeiro de petiscos 2018 na IV Gala Show Cooking De Tapas por Galicia, na que competirán os gañadores dos concursos locais de tapas das sete cidades galegas. Ademais, o público asistente, integrado por expertos do sector, asociacións, xornalistas e blogueiros, outorgará o Premio do Xurado Popular.

O evento desenvolverase a partir das 20.00 horas deste serán no hotel AC Palacio del Carmen, en Santiago, e está organizado por Turismo de Galicia dentro das súas accións de difusión da creatividade gastronómica galega como elemento de promoción do turismo urbano nesta Comunidade. A xornalista María Cheda será a encargada de presentar unha gala na que os aspirantes cociñarán as súas propostas en directo para o público asistente.

Os membros do Xurado Profesional desta cuarta final De Tapas por Galicia son Cesáreo González Pardal, Secretario do Clúster de Turismo de Galicia; Miguel Ángel Campos, Presidente do Grupo Nove; Alberto Ribas, blogger; Cristóbal Ramírez, xornalista; e Miguel González Quintela, cociñeiro do Restaurante Gastrobar SanMiguel, gañador do Premio do xurado profesional na Gala do ano pasado.

Na Gala Show Cooking competirán Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Bianca Coura, Gerson Iglesias e Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo).

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *