Setembro, mes de fervor e tradición

 

Chegado setembro, a tradición e a devoción gañan protagonismo no calendario festivo para permitir que fieis e curiosos acudan a unhas celebracións marcadas por ritos diversos, que atesouran séculos de historia e que forman parte xa da identidade das vilas onde teñen lugar. Todos estes aspectos propiciaron que moitas destas romarías fosen declaradas de interese turístico e, aínda que este ano non poderemos gozar delas por causa da covid, desde aquí queremos renderlles unha pequena homenaxe.

 

Romaría da Barca

Muxía

A súa antigüidade, a contorna na que ten lugar e a devoción que esperta a Virxe alí venerada converten a Romaría da Nosa Señora da Barca nunha das principais celebracións relixiosas de Galicia. Veciños de toda a comunidade danse cita en Muxía cada segundo domingo de setembro (salvo que coincida no día 8, en cuxo caso a festa é aprazada ao 15) para participar nunha romaría que se remonta a comezos do milenio pasado. Ademais son moitas as persoas que desde días antes acoden xa á localidade. Conta a lenda que dá nome ao lugar que a Virxe chegou a Muxía para dar azos ao Apóstolo Santiago nunha barca de pedra e prosegue explicando que algunhas das rochas que se poden ver nos arredores do templo son, precisamente, restos daquela embarcación, por iso non é de estrañar que varias delas teñan nome propio e que, incluso, se lles atribúan propiedades máxicas. Así acontece coa Pedra de Abalar, a Pedra dos Cadrís, a Pedra dos Namorados ou a Pedra do Temón. Un incendio ocasionou graves danos no santuario o día de Nadal de 2013, pero tras a reconstrución, volve lucir en todo o seu esplendor e a atraer a atención de romeiros e turistas.

 

Romaría de Setembro

A Franqueira (A Cañiza)

Comparte coa Barca de Muxía o feito de ser unha das advocacións marianas máis antigas de Galicia e de ser escenario dunha romaría de grande tradición e alcance. Trátase do Santuario da Franqueira, sito no municipio pontevedrés da Cañiza, e que atrae ata ese lugar dos montes da Paradanta a romeiros non chegados só de boa parte de Galicia, senón tamén do norte de Portugal. Neste caso son varias as celebracións que alí teñen lugar. Coincidindo co Luns de Pascua é a quenda da Romaría das Pascualillas, que ten a particularidade de que a imaxe da Virxe é sacada do templo en procesión para recibiren os respectos das outras 75 tallas relixiosas levadas desde as parroquias e os municipios lindeiros. Chegado o mes de setembro, o día 8 os veciños honran á patroa do lugar coa Romaría de Verán da Nosa Señora da Franqueira. Neste caso a imaxe é levada en procesión por unha parella de bois, tal e como conta a lenda foi transportada séculos atrás para decidir o lugar de construción do santuario. O percorrido actual está aderezado coa representación de danzas tradicionais locais e dun enfrontamento entre un príncipe mouro e un devoto cristián.

 

Procesión do Nazareno

A Pobra do Caramiñal

Cada terceiro domingo de setembro desde hai xa seis séculos, as rúas da Pobra do Caramiñal son escenario dunha das procesións máis singulares de toda Galicia posto que a imaxe do santo é acompañada por cadaleitos baleiros e por devotos que lle mostran así o seu agradecemento por ter evitado a morte. Segundo a tradición, a orixe deste curioso ritual débese a un suceso acaecido no século XV no antigo municipio da Pobra do Deán. Contan que tras condenar a morte a catro delincuentes o alcalde caeu gravemente enfermo, pero que puido recuperarse para a procesión, ordenou aos condenados que portasen o seu cadaleito e os indultou como mostra de agradecemento. Naceu así unha tradición que segue viva hoxe en día e que cada ano congrega non só a numerosos devotos, senón a multitude de curiosos que non se queren perder esta singular procesión.

 

Nosa Señora dos Milagres

Caión (A Laracha)

Caión é o porto e a porta de acceso ao mar do municipio coruñés da Laracha. E é tamén o escenario da súa principal celebración relixiosa. O 8 de setembro, o santuario da Nosa Señora dos Milagres vístese de gala para acoller unha romaría á que acoden fieis de toda a provincia e de outros puntos de Galicia, aínda que como acontece con outras celebracións similares, a chegada arrinca xa nos días anteriores coas misas da novena. Os devotos fan cola para tocar o manto da Virxe en busca das súas propiedades curatorias e participan tamén noutros ritos diversos. Son moitos os que se achegan ata a fonte próxima, mollan os seus panos alí, fréganos sobre a súa pel para tratar de mellorar as súas doenzas dermatolóxicas e despois déixanos secar ao sol no prado anexo compoñendo así una das postais típicas da festa; outros percorren o traxecto ata o santuario portando unha pedra que depositan nun milladoiro próximo e os máis devotos completan os últimos metros prostrados de xeonllos para mostrar así o seu fervor e lograr a intercesión da Virxe.

 

Festas da Guadalupe

Rianxo

Aínda que son moitas e variadas as actividades que adoitan formar o programa das festas patronais do municipio de Rianxo, as mostras de devoción cara á súa Virxe “Moreniña” seguen a protagonizar os momentos máis emotivos desta celebración cuxa xornada central é a do primeiro domingo de setembro posterior ao 8. Conta que a orixe da procesión marítima e do apartado lúdico remóntase a mediados do século XIX e que foi esa a maneira na que os veciños festexaron que a localidade saíra ben parada dunha praga de cólera que afectara a toda Galicia. O rito da procesión marítima mantívose ata os nosos días e alcanza o seu momento central cando todos os participantes entoan ao unísono A Rianxeira, unha canción nada na emigración galega de Bos Aires a mediados do século XX e convertida xa nun símbolo cultural de Galicia. A interpretación desa mesma canción, xa de noite e acompañada por centenares de bengalas polas orquestras e o público que goza da verbena é o vibrante colofón das festas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *