Santo André de Teixido, lugar de ritos e lendas, acolle unha nova romaría

En poucos sitios de Galicia combínanse con tanta intensidade a beleza das súas paisaxes, a riqueza do seu patrimonio material e o magnetismo dos ritos, as lendas e as tradicións para conformar un lugar cheo de maxia como ocorre en Santo André  de Teixido (Cedeira). Os impresionantes cantís da Serra da Capelada serven de pano de fondo a un dos santuarios máis famosos e visitados de Galicia desde hai xa varios séculos e que estes días volve vestirse de festa para acoller unha das romarías máis importantes do seu calendario anual.

 

Calquera época do ano é boa para acudir a Santo André de Teixido, pero o 30 de novembro (e os días previos) é unha das datas máis sinaladas por tratarse do día en que se celebra precisamente a festividade do patrón do lugar. Varios son os ritos que terán que cumprir quen se achegue ata alí tal como vén facéndose desde hai séculos: coller unha pedra no camiño para depositala nalgún dos milladoiros que atoparán ao seu paso; bicar a pequena imaxe do santo que hai no interior do santuario, visitar a fonte milagreira ou confeccionar o ramo de Santo André. Outro dos ritos do lugar estaba relacionado coa famosa Herba de Namorar, aínda que na actualidade viuse afectado polo feito de tratarse dunha especie en perigo que non debe ser arrincada.

 

A peregrinación a SantobAndré remóntase polo menos ao século XII, pero a importancia do lugar como espazo de culto arrinca moito antes, o que permite comprobar como, do mesmo xeito que ocorre con outras celebracións, baixo o manto cristián escóndense costumes e supersticións milenarias. Xa na época dos celtas, esas paraxes cativaron aos moradores da zona, que as converteron en escenario de diversos rituais relacionados co tránsito da vida terreal ao máis aló a través dos mares. A tradición local relaciona estes ritos directamente coa Santa Compaña para sinalar que as almas en pena que integran esta  fantasmagórica procesión acoden tamén a Santo André de Teixido buscando a porta de acceso á outra vida. De aí a famosa expresión “A Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”.

 

O tránsito da tradición celta ao cristianismo non restou misticismo ao lugar e mesmo deu orixe a máis relatos míticos. Un deles conta que o lugar está dedicado a Santo André porque o propio santo pisou esas terras. Segundo esta lenda, o santo chegou nunha embarcación que naufragou e os seus restos convertéronse nun illote, coñecido como a Barca de Santo André polo seu parecido cun casco investido. Outro destes relatos sitúa a Xesucristo e a San Pedro en Teixido e conta que foi o primeiro o que ordenou a San Andrés permanecer no lugar asegurándolle que nunca lle faltarían as visitas de xentes chegadas doutros moitos sitios.

 

Hoxe en día, o santuario, que se comezou a construír no século  XIV e que sufriu varias reformas posteriores, é en efecto a meta dunha multitude de persoas que acoden ata alí para demostrar o seu fervor, para dar continuidade á tradición, para gozar dunha paisaxe cativadora e, tamén, para non ter que volver na outra vida. 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *