Santiago pon a nota doce na gala De Tapas por Galicia

Santiago de Compostela achega á final do Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia a única proposta doce da gala. Pablo Vila, xefe de cociña do Hotel Oca Puerta del Camino, destacou no concurso Santiago(é)Tapas cun Pan con chocolate e mirabeles que combina varias elaboracións con ingredientes moi galegos.

Pablo é un namorado de Compostela e da súa gastronomía. “Fanse cousas moi interesantes en todas as cidades, pero aquí cocíñase moi ben e profesionalmente é un lugar no que se traballa fantasticamente”. Lucense de nacemento, formouse na súa localidade natal para despois viaxar, moi novo, á capital de Galicia, por unha razón de peso: “Quería cociñar con Toñi Vicente”. Tras o seu paso por varios restaurantes, xa no Oca Puerta del Camino, desenvolveu a súa traxectoria profesional, dando saída ós gustos persoais pola gastronomía urbana: “Gústame moito a cociña de rúa: as hamburguesas, os bocadillos, ese tipo de creacións. Iso non é fácil de levar a cabo nun hotel no que nunha noite podes ter duascentas ceas e eventos, pero coa inauguración do gastrobar, podemos aplicar unha mestura de todo o que máis nos gusta, como por exemplo a gastronomía asiática”.

Porén, o prato co que concorre a De Tapas por Galicia é un postre con aires moi galegos. Trátase dun pastel de pan de Cea e mirabeles ó que se lle engade un cremoso de chocolate con licuado de mirabeles. “Levounos tres semanas de probas chegar ó equilibrio ideal”, explica. Á hora do empratado, o resultado repousa sobre unha crema de tofe. A parte do pan acaramélase con azucre moreno e para rebaixar a dozura engádeselle unha bola de xeado de nata coroada por unha tella de pan. Con estes ingredientes resulta unha receita “doada, mesmo para facer na casa”, pero moi ben equilibrada, coa que Compostela achegará a nota doce o día 4 de xullo na final de De Tapas por Galicia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *