Santiago concentra os sabores do magosto

Desde Santiago, Álvaro Pérez Blanco, do gastrobar ArteSana, representará a esta cidade en De Tapas por Galicia cunha aposta por recuperar os produtos e os costumes típicos de Galicia concentrando os sabores do magosto no seu Taco de Outono, nome que, ao mesmo tempo, fai unha chiscadela á actualidade mencionando a famosa tortilla mexicana que está a ser tendencia.

En realidade, a base desta tapa, gañadora do primeiro premio do público no Santiago(é)Tapas, é unha filloa, “o máis tradicional do magosto xunto coas castañas”, que tamén están presentes, así como o chourizo e o queixo San Simón en forma de mousse. Sabores do outono galego que se complementan cuns matices de fiúncho e de cebola aceda encurtida e un afumado de eneldo como recordo “do fume daquelas fogueiras da infancia onde asabamos as castañas na escola” e da herba “que utilizaba a miña nai cando as facía cocidas”.

Formado na Escola de Hostalería Lamas de Abade de Santiago, este chef compostelán empezou a súa traxectoria na súa cidade, no Hostal dos Reis Católicos e nos hoteles Araguaney e AC Palacio del Carmen, así como en O Dezaseis, e chegou ao prestixioso El Bulli antes de marchar a Inglaterra buscando “completarme e mellorar como profesional” e pasando da cociña máis vanguardista á tradicional francesa.

Pero como a terra tira, regresou a Compostela onde, hai seis anos, abriu ArteSana, nome que “reúne as tres características que para mín ten a gastronomía, que é arte, que ten que ser sá e que ten moito de artesanía”. Un gastrobar onde se seleccionan os mellores produtos e se elaboran con “mimo, cariño e respecto”, inspirándose “no amor co que a miña avoa me preparaba os meus pratos favoritos” ou na dedicación “coa que se facía o pan nas aldeas”.

Un namorado deste oficio no que, di, “xogas con emocións e experiencias”.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *