Santa María de Monfero, porta das Fragas do Eume

Para quen só coñeza a beleza tranquila das Rías Baixas, as Rías Altas galegas resultaranlle fascinantes. Moito máis estreitas, intricadas e reviradas que as súas curmás do sur, as paisaxes que formaron son totalmente distintas ás das veigas do Ulla ou do Umia. En especial un dos ríos que forman estas Rías Altas, o Eume, encáixase e discorre con ferocidade entre las ladeiras que o conteñen, dificultando durante séculos o paso do ser humano e favorecendo a aparición dunha fabulosa contorna natural. Nas portas desta floresta atópase o mosteiro de Santa María de Monfero, un cenobio cisterciense que condensa nuns centos de metros cadrados boa parte da historia de tan feraz territorio.

A súa fachada é xa en si un resumo dos principais materiais dos que está composto o solo de Galicia. Santa María de Monfero é inconfundible polo patrón xadrezado da portada principal, unha xoia barroca do século XVII. O efecto ornamental creouse combinando os bloques de granito claro dos que se compón o resto do edificio con outros de lousa negra. No medio da severidade das altas columnas corintias e dos frontóns triangulares, os cadrados positivos e negativos parecen un afortunado xogo para la vista do visitante.

Esta fachada barroca fai as veces de pano, cubrindo a igrexa orixinal. A primixenia, románica do século XII, foi substituída entre os séculos XVI e XVII polo edificio actual, dun barroco severo. É un templo de grandes dimensións, no que a mirada do visitante se ve atraída cara ao ornato pétreo dos teitos arredor do monumental cimborrio.

Pese a que a maior parte do que se ve é da época de esplendor do convento, os arquitectos conservaron varias tumbas medievais feitas en pedra baixo as que repousan varios integrantes da familia que dominou estas terras durante boa parte da Idade Media: os Andrade, señores de Pontedeume, Vilalba e Ferrol. A súa pegada queda aínda patente en diversos monumentos da comarca, como as igrexas góticas de Betanzos, o convento de San Agostiño en Pontedeume ou o fenomenal castelo de Nogueirosa, tamén en Pontedeume. En Monfero están enterrados Nuno Freire de Andrade, Fernán Pérez de Andrade e Diego de Andrade, armados e gardados por fieis cans pétreos.

O Mosteiro foi o centro de poder na comarca durante séculos, e dan fe disto os tres claustros cos que conta. O da Hospedería é de estilo renacentista e conserva restos románicos; o Procesional, da mesma época, loce no seu centro unha fermosa fonte barroca; e o Claustro Dormitorio é de estilo barroco tardío e non chegou a rematarse: estando en obras, a principios do XIX, foi ocupado polas tropas napoleónicas.

Para perder a noción do tempo son os fermosísimos teitos da “chirola” ou sancristía. Os ocos están adornados por un hipnótico patrón de estrelas, caras, formas vexetais e xeométricas.

Santa María de Monfero é, ademais, unha das portas ao parque natural das Fragas do Eume. O río foi escavando co paso dos séculos un fondo canón en torno ao que prospera a vexetación propia dos bosques atlánticos antes abondosos en toda Europa e hoxe reducidos a espazos protexidos coma este. Tanto o mosteiro de Monfero coma o de San Xoán de Caaveiro, na outra beira do río, son testemuña da atracción que este terreo, abrupto e de difícil acceso, ten sobre os seres humanos desde hai milenios.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *