San Xoán, unha festa con gastronomía propia

Xa queda menos para que os cociñeiros finalistas da V Gala Showcooking se encontren o 2 de xullo no Hostal dos Reis Católicos para competir polo título de Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia. Pero mentres os candidatos se preparan para este importante día e ultiman todos os detalles da súa tapa de autor, queremos falarvos doutro evento moi próximo onde a gastronomía tamén xoga un papel importante: a noite de San Xoán.

San Xoán é unha festividade de orixe pagá vencellada á celebración do solsticio de verán. Este é o momento do ano no que gozaremos do día máis longo, e polo tanto da noite máis curta. A partir deste día o sol comezará a devalar e a escuridade irá medrando. É por iso que os nosos devanceiros acendían as fogueiras, xa que tiñan o obxectivo de axudar ao sol e prolongar a súa luz no ceo.

A relación de San Xoán coa comida non é tan antiga coma a súa orixe, pero desde hai uns cantos anos os participantes desta festa decidiron que unha boa cea era case obrigatoria para manterse toda a noite choutando por riba das cacharelas. En Galicia temos incluso unha gastronomía típica para esta data, na que predominan as sardiñadas, o churrasco, os cachelos, os chourizos e os criollos á brasa, pero tamén outras especialidades máis locais como as roscas de viño tinto de Poio ou a “mexilloada” de Serres, en Muros. E por suposto, como bebidas estrela non poden faltar o viño galego e a queimada.

Esperamos que gocedes da festa de San Xoán e degustedes algún dos produtos da gastronomía galega típicos deste día. E se queredes información sobre a Gala de elección do Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2019, podedes atopala premendo na seguinte ligazón: http://blog.turismo.gal/eventos-gl/cocina-galega-en-directo-para-acadar-o-titulo-de-mellor-cocineiro-de-tapas-por-galicia/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *