San Froilán, unha invitación para coñecer Lugo

San Froilán. Santo e festa, festa e santo, convértense chegada esta época do ano nos grandes embaixadores da cidade formando un binomio de devoción e lecer capaz de atraer a público de toda Galicia e, mesmo, doutras comunidades. Xa deixou dito Álvaro Cunqueiro que a celebración na honra do patrón de Lugo é a festa máis bonita do outono galego e aínda que este ano a covid obrigou a prescindir de grandes actos e reducir o programa de forma considerable, sempre constitúe unha boa invitación para gozar dos numerosos atractivos que ofrece a cidade. Aquí che presentamos algúns dos máis destacados.

 

Muralla e centro de interpretación

Declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, a muralla romana é o principal símbolo de Lugo e por si soa xa xustifica unha visita á cidade. Os seus máis de dous quilómetros de lonxitude delimitan o centro histórico lucense e converten o seu  adarve nun lugar de paseo habitual para veciños e visitantes. Unha decena de portas permiten acceder ao interior da cidade e seis escaleiras dan acceso á parte superior da muralla. Ademais, nun dos edificios do centro histórico foi habilitado un Centro de Interpretación da Muralla no que se pode ver a importancia e a influencia desta construción na historia da cidade.

 

Catedral de Santa María 

O inicio da construción da Catedral de Lugo remóntase ao século XII, pero as obras acometidas nos séculos posteriores propician que se poidan apreciar nela elementos de estilos arquitectónicos moi variados. O Pantocrátor da porta Norte, o coro do século XVII, as capelas da Virxe dos Ollos Grandes e de San Froilán e o Santísimo  Sacramento, que está exposto permanentemente por un privilexio papal, son algúns dos principais atractivos deste templo.

 

Domus do Mitreo

Hai dúas décadas, durante os traballos previos á construción do Vicerreitorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, saíron á luz os restos dunha antiga vivenda romana (domus) e dun espazo dedicado ao culto relixioso (mitreo). Convenientemente preservada e musealizado, a Domus do Mitreo é un espazo que permite coñecer aspectos tanto da época romana como da posterior evolución de Lugo.

 

Praza do Campo

Situada no corazón da zona vella de Lugo, a praza do Campo é un dos principais puntos de encontro para os veciños. No seu centro atópase a Fonte de San Vicente, unha peza barroca da que é tradición que un par de veces ao ano mane viño.

 

Museo Provincial

O antigo convento de San Francisco acolle desde mediados do século pasado o Museo Provincial de Lugo, unha institución creada para protexer e divulgar o patrimonio cultural lucense. Dispón dunha vintena de salas que acollen pezas dos fondos propios da museo e mostras monográficas temporais ou itinerantes

 

Ponte Romana

De orixe romana, aínda que reconstruído nos séculos  XII,  XIV e  XVIII, este viaduto situado sobre o río Miño nos arredores da cidade daba continuidade á vía XIX do itinerario de Antonino que unía as cidades de Lucus Augusti (Lugo) e Bracara Augusta (Braga). Na actualidade está habilitado unicamente para o tránsito peonil e ademais de ofrecer unhas bonitas vistas do río está ligado a algunhas zonas de lecer como o paseo fluvial.

 

Termas

Localizadas dentro do edificio do Balneario de Lugo, pero abertas a visitas con reserva previa, as termas romanas foron construídas no ano 15 antes de Cristo e constitúen outro dos principais legados daquela época que sobreviviron ata os nosos días. Pódese apreciar o vestiario e os distintos espazos da sala de baños.

 

Parque Rosalía de Castro

Se o interior da muralla é o corazón de Lugo, o parque Rosalía de Castro é o seu pulmón. Situado extra muros, segue ocupando un espazo céntrico da cidade e destaca polos seus xardíns, os seus estanques, os seus monumentos e polo miradoiro desde o que se pode apreciar unha bela panorámica do val do río Miño.

 

Casa dos Mosaicos

Os mosaicos que decoraban unha antiga vivenda romana construída entre os séculos  XIII e XIV son o principal atractivo deste recinto convertido nun museo no que tamén se pode apreciar como era o sistema que empregaban os seus antigos moradores para quentar as estancias.

 

Cemiterio de San Froilán

Belos panteóns, esculturas de gran valor artístico e monumentos funerarios con connotacións históricas converten o camposanto municipal de Lugo nun espazo que transcende a súa utilidade principal. Desde hai uns anos forma parte da Rede Europea de Cemiterios Históricos e é escenario de visitas guiadas e actividades como concertos e recitais poéticos.

 

De tapas

E para acabar este percorrido por Lugo, nada mellor que repoñer forzas entregándose a unha das prácticas gastronómicas máis famosas da cidade: o tapeo. Bares, tascas, tabernas e outros establecementos diversos aderezan as consumicións da súa clientela cunha extensa, variada e saborosa oferta de tapas cuxa fama é dabondo coñecida e que deixan tamén nos visitantes un inmellorable sabor de boca.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *