San Froilán

Dicía o gran Álvaro Cunqueiro que as festas de San Froilán eran “as máis belas do outono galego”, e non debía estar moi equivocado, posto que as persoas que cada ano se achegan á cidade de Lugo para gozar de -polo menos- un día de verbena, concertos e actividades de todo tipo cóntanse por miles.

Estes festexos, que se celebran cada ano ao redor do 5 de outubro (día do patrón), prolónganse durante algo máis dunha semana. Este ano, é entre o 4 e o 12 de outubro cando teñen lugar, aínda que algúns dos eventos que forman parte do San Froilán prolónganse máis días.

Son, ademais, unhas festas antigas, pois datan de 1754, ano en que se empezou a facer unha celebración popular para acompañar aos festexos relixiosos que tiñan lugar xa desde moitos anos antes, e tal é a importancia que foron alcanzando ao longo dos anos que, en 2006, recibiron a catalogación de Festas de Interese Turístico Nacional.

Entre a programación deste ano destacan os concertos de Goran Bregovic, Rosa Cedrón, Guadi Galego, Sés, Iván Ferreiro e Os Secretos, que poñerán o toque musical a un ambiente xa cheo de alegría e ganas de gozar; pero tamén hai sitio para outras actividades, como degustacións de tapas, presentacións de libros, espectáculos de maxia e gran variedade de eventos deportivos.

Cabe destacar o “Domingo das Mozas”, o seguinte ao día do santo, no que se homenaxea o folclore galego e o traxe tradicional da comunidade. Este día é, quizá, o máis importante das festas de San Froilán. É, desde logo, o máis multitudinario.

Ademais, e ata o 15 de outubro, terá lugar a IV Feira de Artesanía e Gastronomía GASTROARTE, no que numerosos artesáns chegados de todos os recunchos de Galicia e de fóra de Galicia expoñerán os seus produtos. Noutro punto da cidade, outra feira, a Feira de Antigüidades e Coleccionismo. Opcións para todos.

E para os máis pequenos, o San Froilán Miúdo, unha serie de actividades pensadas para eles e que inclúen talleres, xogos, teatro e música.

Pero non se pode falar de San Froilán sen mencionar as súas tradicionais casetas do polbo, que ofrecen este delicioso manxar na súa receita máis tradicional durante os días de festexos e mesmo nos días previos e posteriores tamén. E é que son miles as persoas que se chegan cada ano para probar o polbo. Este ano, tedes ata o 1 de novembro para achegarvos vós tamén a saborealo.

Finalmente, o último día resérvase para a Feira Medieval na praza da Catedral e nos seus arredores, que supón unha viaxe á Idade Media para todo aquel que o visita e que finaliza cun banquete medieval ao que segue un espectáculo pirotécnico que pon o broche final a unhas festas difíciles de esquecer. Quen as coñece, sábeo.

Así que antes de poñer fin á tempada de festas por este ano, é imperativo pasarse por Lugo. Non te arrepentirás.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *