Romaría de San Ramón de Bealo

Se hai un enclave con praias apracibles e paisaxes protexidas do mar en toda a zona de Arousa, ese é, sen dúbida, Boiro. É aquí onde cada ano (e desde fai 261), ao chegar o último día de agosto, celébrase a Romaría de San Ramón de Bealo. Trátase dunha das romarías máis importantes da comarca e a ela acoden xentes de todos os recunchos de Galicia. É, tamén, unha das máis enigmáticas, e está declarada de Interese Turístico de Galicia.

Unha das singularidades desta celebración é que a ela acoden mulleres a pedirlle a San Ramón un fillo. Trátase dunha romaría que, aínda que data do século XVIII, está vinculada a ritos pagáns que se perden no tempo ao redor de gravados con forma de serpe, símbolo da fertilidade desde tempos inmemoriais, que se poden observar en dúas pedras a uns metros da ermida de San Ramón. Ademais, non só é unha das festas máis antigas de Galicia, senón que ademais é a romaría campestre máis antiga que se celebra ininterrompidamente.

Segundo contan, a primeira festa foi promovida polo que era cura da zona o 22 de agosto de 1756. Ese ano, celebrouse unha misa e fixéronse outros sufraxios en devoción do santo e das ánimas do purgatorio. Despois, fíxose unha novena a San Ramón de modo que coincidise a última das misas co último día de agosto, e nese último día celebrouse por primeira vez a festa, que todos os anos reúne a fieis de toda condición que se achegan a Bealo a honrar ao seu santo. Din tamén que o mesmísimo Castelao atopou inspiración nesta festa para debuxar algunha das súas famosas “Estampas de cegos”.

A esta festa moita xente vai de romeu, acampa no Campo dos Outeiriños a noite do día 30 e queda alí ata a madrugada do 31, despois de gozar dun día de xantar, sesión de viños e orquestras. Durante a mañá do día 31 as misas na ermida repítense cada media hora e a ela acoden mulleres en busca dun parto feliz ou dun embarazo, e é na última delas na que se xuntan maior número de mulleres, as cales levan ao santo en procesión. Como dicía unha antiga copla, “As mulleres cando paren / lémbranse de San Ramón”.

Orquestras, sesión de viños e comida popular completan unha romaría que se alonga ata o anoitecer nun marabilloso espazo natural rodeado de interesantes restos arqueolóxicos e etnográficos.

É dabondo coñecido que Galicia é terra de maxia, de meigas, de lendas e de crenzas, e son precisamente romarías como esta as que fan que todo aquel que vén de lonxe e quere coñecer a nosa terra se mergulle un pouco máis na nosa cultura e na nosa identidade, polo que desde aquí che recomendamos a Romaría de San Ramón de Bealo. Ti só tes que ir… e deixarte levar.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *