Revenidas: o festival de Vilaxoán de Arousa

O Festival Revenidas celebrarase do 18 ao 20 de agosto na localidade pontevedresa de Vilaxoán de Arousa, chegando así á súa edición número 14.

A súa primeira edición, alá polo ano 2003, chegou da man dun grupo de mozos do pobo que querían facer unha actividade cultural diferente. A súa proposta tivo éxito e, co apoio de gran parte dos veciños e veciñas da vila, para darlle continuidade, constituíuse a Asociación Repichoca, que é a que se encarga de que esta iniciativa se siga repetindo cada ano.

Este festival, que ao longo dos últimos anos consolidouse como unha das citas máis importantes do panorama musical galego nos meses de verán, contará con dous escenarios: un recinto pechado para os concertos de pago e un parque para as actividades gratuítas e para todos os públicos que ofrecen. Ademais, haberá unha sardiñada popular. De feito, e como curiosidade, a orixe etimolóxico de Revenidas provén das sardiñas. Son miles as persoas que cada ano se achegan á vila para gozar de boa música, de boa comida e da súa gran Gala Solidaria de Circo co Pobo Saharauí. O ano pasado, foron preto de 15.000 os que asistiron ás 29 actuacións musicais e máis de 20 actividades, algo que esperan superar na edición deste ano, que contará con bandas como La Pegatina, Terbutalina ou Dakidarría.

Ademais, o prezo do Revenidas é máis que modesto: 35 euros o abono de tres días e 20 euros a entrada dun só día. Aínda o estás a pensar? Ben, pois imos darche máis motivos para asistir…

Ao longo do festival tamén haberá un Showcooking e unha feira (Feira Revenida) na que artesáns galegos mostrarán as súas elaboracións en diferentes postos acompañados das Food Trucks que se achegarán ata Vilaxoán para a ocasión. Os xogos infantís e os pasarrúas completan o programa.

E outro dato importante: Revenidas 2017 ofrecerá aos asistentes con abono completo varias zonas de acampada gratuíta ata completar todo o aforamento.

Agora seguro que te convencemos, non?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *