Que facer en Galicia do 30 de xullo ao 5 de agosto?

Esta semana finaliza o mes de xullo e comezamos agosto con moita forza: cunha morea de propostas especiais para que aproveites Galicia á túa maneira, ao teu ritmo e, o máis importante, gozando con estas festas con todos os sentidos. Esta semana terás difícil decidir só unha das moitas propostas que vos facemos, aínda que, sempre podes participar en máis dunha!

 

Festa do Viño Albariño

1 ao 5 de Agosto – Cambados, Pontevedra.

Chega unha das festas máis arraigadas do verán galego. Como cada ano, na rúa da Calzada instalaranse as casetas das adegas da D.O. Rías Baixas, onde degustar os seus viños e a comida que ofrecen para acompañalos. Haberá espectáculos musicais, pirotécnicos, exposicións,  competicións deportivas, cursos, xornadas técnicas e talleres de viño. Máis información en http://xn--fiestadelalbario-lub.com/  

 

Festa de San Fins do Castro

Mércores 1 de Agosto – Cabana de Bergantiños, A Coruña.

Esta festa céntrase na crenza de que as augas que emanan dunha fonte nas proximidades de Cabana de Bergantiños curan as verrugas. A festa inclúe un ritual no que os participantes se achegan a esta fonte para mollarse cun pano. O pano debe deixarse na fonte, e segundo conta a lenda,  as verrugas curaranse unha vez os panos sequen. Como toda boa romaría galega, contará con actuacións de orquestras e un interesante apartado lúdico. Anímaste?

 

Festival de Pardiñas

3 ao 5 de Agosto – Guitiriz, Lugo

Festival de música, mostras de artesanía, exposicións de pintura, escultura, fotografía, cerámica, debuxo infantil, espazos de poesía, de narrativa, feira de libros… Se che gusta a creatividade estás de sorte!  https://www.facebook.com/festivaldepardinas

 

Romaría da Tortilla de Laro

Venres, 3 de Agosto – Laro, Silleda, Pontevedra.

Multitude de racións de tortilla con mil variedades: bacallau, pementos, chourizo, carne, gambas… e viño…hai mellor combinación? Poucas festas gastronómicas acadan en Galicia as cifras de asistentes que rexistra a  Romaría da Tortilla de Laro. A organización dispón de autobuses ata Laro desde Silleda, A Bandeira e Lalín.

 

Festival Internacional do Emigrante

3 ao 4 de Agosto – Barreiros, Lugo.

A parroquia de San Miguel de Reinante reúne a grupos de danza e música folclórica de Galicia durante estes días para celebrar o Festival Folclórico Internacional  do Emigrante.

Festa do Pemento da Arnoia

3 ao 5 de Agosto – A Arnoia, Ourense

Desde a noite do xoves haberá verbenas, concertos e degustacións pero a festa grande será o domingo 5 de Agosto, día en que se servirán máis de catro mil quilos de pementos, fritos, recheos ou en tortilla, todo isto acompañado dos exquisitos viños do Ribeiro.

O lugar está acondicionado con mesas, bares, casetas de exposición de produtos e todo tipo de servizos, desde atraccións e barracas para os nenos ata un gran aparcadoiro.

Non deixes de asistir á misa con procesión e a ofrenda dos froitos da terra.

 

Feira do Bonito de Burela

4 ao 5 de Agosto – Burela, Lugo.

Xornada gastronómica á vista! E nunca mellor dito porque Burela é porto líder na captura do bonito do Norte. A degustación, amenizada pola música de gaitas, ten lugar nunha carpa instalada no peirao e paralelamente, na nave de redes, celébranse mesas redondas moi interesantes, proxeccións e exposicións sobre temas ambientais e ecolóxicos.

 

Festa do galo piñeiro e mostra cabalar

3 ao 5 de Agosto – Cale Ou  Pedrouzo, Arca, O Pino, A Coruña.

Nesta festa poderás gozar de postos de venda de artesanía e produtos gastronómicos da terra. Tamén contará con representacións de antigos personaxes celtas, uns loitando, outros dedicados á música e, ademais, demostracións de oficios e talleres de artesanía. O prato forte chegará o domingo, co concurso-exposición de fermosos galos  piñeiros.

 

Festa do Pemento de Herbón

Sabado, 4 de Agosto – Padrón, A Coruña.

Chega a festa de exaltación dun dos nosos produtos máis recoñecidos: os pementos de Herbón. Ademais de degustación de pementos, na festa poderás gozar tamén de polbo e churrasco nas carpas instaladas á sombra da carballeira. É moi recomendable asistir ao percorrido de dous quilómetros que fan  os tractores adornados entre Padrón e Herbón.

 

Día da Gaita e Romaría a Santa Cruz

Domingo, 5 de Agosto – Ribadeo, Lugo.

Trátase dun festival folclórico que comeza coa celebración do pregón e séguelle unha mostra folclórica das escolas da Asociación local. Durante todo o día as gaitas non pararán de soar mentres os asistentes gozan de empanada, tortilla e outras delicias.

 

Feira do Pemento de Oímbra

Domingo, 5 de Agosto – Oímbra, Ourense.

Esta  feira á parte do protagonista, o pemento branco de Oímbra, contará con concursos de pratos elaborados co pemento branco, degustacións gratuítas de pementos, expositores de venda de produtos artesáns, do campo e ferramentas agrícolas, actuacións folclóricas e mesmo atraccións para os nenos e nenas.

 

Romaría Viquinga de Catoira

Domingo, 5 de Agosto – Catoira, Pontevedra.

Esta coñecida  festa recupera o papel de Catoira como gardiá do tesouro da Catedral de Santiago recreando unha invasión viquinga. Ao finalizar dáse paso a unha comida campestre, despois da cal podes achegarte ao mercado medieval para mercar con algún produto gastronómico galego ou artesán. A festa chegará ao seu fin coa verbena da Alameda, no centro da vila.

Máis información en http://catoira.gal   

 

Filandón de Músicas do Courel

Domingo, 5 de Agosto – Folgoso do Courel

Nesta festa de marcado carácter musical, celebraranse actuacións de numerosos músicos, cantantes populares, representacións de poetas etc. Tamén contará con exposicións de instrumentos tradicionais, e no apartado gastronómico, degustación de pan de trigo de Noceda e de filloas con mel do Courel.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *