Que facer en Galicia do 13 ao 19 de agosto?

Xa estamos na semana central deste mes de agosto, onde se concentrarán ata tres festas de interese turístico na honra a San Roque, sen esquecer outras festas gastronómicas de grande interese ao longo da nosa xeografía. Unha semana para gozar do bo tempo e os produtos que nos dá a nosa terra. Irás a algunha delas?

 

Festas Patronais de San Roque en Betanzos

14 ao 25 de agosto – Betanzos, A Coruña.

Os tres días grandes das festas de Betanzos inclúen as dúas xornadas de xiras fluviais no río Mandeo e o día 16 de agosto, festividade de San Roque. Nesta data ten lugar un dos actos típicos destas festas de Betanzos, seguido por miles de betanceiros e visitantes: o corte de amarras e o ascenso do globo de papel máis grande do mundo, ao que segue a queima da clásica fachada de San Roque e unha sesión de fogos artificiais.

 

Festas Patronais de San Roque en Sada

15 ao 18 de agosto – Sada, A Coruña.

Esta semana tamén poderás vir a Sada, xa que dan comezo as festas patronais. Catro días de actividades e verbenas nos xardíns do paseo marítimo, que tocarán ao seu fin coa tradicional  sardiñada popular na área recreativa “O Curruncho”, onde se poderá degustar este produto moi vencellado á tradición pesqueira da localidade, acompañado, como non, de pan de broa. Pechará as festas unha sesión de fogos artificiais.

 

Danzas Ancestrais de San Roque do Hío

Xoves, 16 de agosto – Cangas, Pontevedra.

A “Danza de San Roque” celébrase diante do famoso cruceiro do Hío. Nela, 20 bailaríns interpretan o papel de damas ou o de “galáns”, ataviados con distintas vestimentas. Mentres os homes visten de branco, con chapeu de feltro e gravata negra, as mulleres visten un traxe moi similar á tradicional vestimenta dos que peregrinan a Santiago de Compostela. Un interesante espectáculo ao que poderás asistir esta semana en Cangas.

 

O Naufraxio de Laxe

Venres, 17 de agosto – Laxe, A Coruña.

O Naufraxio de Laxe constitúe unha homenaxe á Virxe do Carme pola súa protección durante todo o ano nas tarefas que se realizan no mar. O día 17 de agosto ás 12:00 da mañá dan comezo as actividades, coa misa solemne en honra á Virxe. Ao terminar, sae a procesión polas rúas desta vila mariñeira, ata chegar ao porto.

Unha vez chegada a Virxe ao porto, comeza a representación do naufraxio, durante o cal un mariñeiro morto é resucitado pola Virxe, dando pé á interpretación da “Salve Mariñeira” polo resto de mariñeiros. A representación finaliza co traslado da imaxe de volta á igrexa.

 

Queimada Popular de Cervo

Sábado, 18 de agosto – Cervo, Lugo.

A praza do Souto desta localidade luguesa é o escenario desta celebración, na que un bruxo vestido de palla prepara a queimada e pronuncia o esconxuro que escorrentará aos malos espíritos.

Cada ano escenifícase nesta festa unha historia vencellada a tradicións e lendas da zona, e sempre co mesmo fío argumental: o triunfo do ben, representado polo bruxo, sobre o mal, representado por bruxas, diaños, trasgos e toda a imaxinería popular do inferno.

O baile e a música acompañan a degustación da queimada ata ben entrada a noite.

 

Festa da Empanada de Bandeira

Sábado, 18 de agosto – Bandeira, Pontevedra

Cada terceiro domingo de agosto desde 1974, celébrase esta festa da empanada na Carballeira das Silvas de Bandeira. Nela, cociñeiros profesionais e afeccionados compiten por preparar a mellor empanada no concurso gastronómico, presidido por un xurado experto. As empanadas premiadas son poxadas entre as penas para o seu consumo en grupo, alcanzando en ocasións cifras elevadas, que moitas veces está destinadas a fins benéficos.

 

Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes

Sábado, 18 de agosto –  Soutelo de Montes, Forcarei, Pontevedra.

Esta festa rende homenaxe a Avelino Cachafeiro, orixinario de Soutelo de Montes, proclamado en 1924 o mellor gaiteiro de Galicia. Asisten decenas de músicos de toda Galicia e dalgunhas comunidades galegas no exterior, que enchen a localidade de son de gaitas, tambores e pandeiretas coas súas actuacións musicais na Praza dos Gaiteiros.

Pola tarde celébrase o Concurso de Gaita e Tambor “Avelino Cachafeiro” e como fin de festa procédese ao nomeamento do embaixador anual da  Festa do Gaiteiro, ao que se lle entrega unha faixa de gaiteiro conmemorativa.

 

Festa da Malla

Sábado, 18 de agosto – Meira, Lugo.

Nesta festa rememórase o labor da malla de cereais, actividade na que os agricultores separaban o gran da palla. Os asistentes reúnense na Praza Maior, onde se representa este esgotador traballo ancestral, que se realizaba a man ata a chegada das máquinas a motor.

Non falta nesta celebración unha comida popular, postos de artesanía, mostra de maquinaria antiga e actuacións de grupos musicais.

 

Festa da Ameixa do Carril

18 ao 19 de agosto – O Carril, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra

Este ano celébrase a 26º edición desta festa, na que destaca o concurso de pratos elaborados con ameixa do Carril, que terá lugar o sábado 18. Os participantes, tanto afeccionados como profesionais, presentarán os seus pratos ao xurado na Alameda. Para os primeiros haberá premios en metálico, mentres que os profesionais serán galardoados con ameixa babosa do Carril. Como novidade, este ano celebrarase a “I Regata de botes tradicionais do Carril a remo”. Xa o domingo, os membros da “Orde da Ameixa” desfilarán polas rúas do Carril ata a Alameda, onde se lerá o pregón. Ao mediodía comezará a degustación xunto á lonxa, e xa pola noite pecharanse os festexos cunha actuación musical.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *