Que facer en Galicia a semana do 12 ao 18 de agosto
O ecuador do mes de agosto non só nos traen algunhas das celebracións máis tradicionais do verán, senón que nos ofrece tamén algunhas das máis orixinais: belas danzas, un globo de papel voador, a gastronomía máis saborosa, unha festa pasada por auga e, mesmo, un naufraxio milagroso conviven na apertada axenda de actos desta semana.
Festa da Auga
16 de agosto. Vilagarcía de Arousa
Xurdiu de forma espontánea a mediados dos anos 80 cando os romeiros que levaran a imaxe de San Roque en procesión pola localidade comezaron a pedir axuda aos veciños para saciar a súa sede. Aquel primeiro vaso de auga arroxada desde o alto dun edificio foi o inicio do que hoxe en día é unha multitudinaria celebración. Para participar só é necesario non ter medo a mollarse e moitas ganas de divertirse.
Máis información aquí
San Roque de Betanzos
Do 14 ao 25 de agosto. Betanzos
A localidade de Betanzos tamén se viste estes días de festa para honrar ao seu patrón, San Roque. O programa inclúe citas xa clásicas como o lanzamento dun enorme globo de papel (a medianoite do día 16) e a Xira Os Caneiros, dúas xornadas de festa fluvial (18 e 25) no río Mandeo. Ademais, haberá música con Luz Casal e Milladoiro, entre outros.
Máis información aquí
Danzas Ancestrais de San Roque do Hío
16 de agosto. Cangas
Un dos grandes atractivos etnográficos do municipio de Cangas son as súas danzas ancestrais, declaradas de interese turístico galego e recoñecibles polo vistoso dos traxes que locen os participantes, especialmente as mulleres. O 16 de agosto celébrase a Danza de San Roque en Hío, que ten por escenario a contorna do famoso cruceiro da devandita parroquia. Esta danza tamén é coñecida como a dos Peregrinos e a súa orixe remóntase ao século XIV.
Máis información aquí
Festa da Ameixa do Carril
17 e 18 de agosto. O Carril (Vilagarcía de Arousa)
O Carril rende homenaxe ao seu produto máis famoso cunha festa de interese turístico que naceu hai 27 anos. Os actos arrincarán o sábado coa regata de botes tradicionais, o concurso de ameixa cociñada e música. O domingo, día grande da Festa da Ameixa, haberá un desfile e pasacalles, actos institucionais, a degustación de ameixas do Carril á mariñeira e máis música.
Máis información aquí
O Naufraxio de Laxe
17 de agosto. Laxe
Hai xa máis de medio século que o mariñeiro Avelino Lema Santos, sobrevivente de 3 naufraxios, decidiu escenificar na súa localidade natal unha singular mostra de fervor cara á patroa do gremio, a Virxe do Carme. Desde entón, cada 17 de agosto e diante do numeroso público que abarrota o porto, un grupo de mariñeiros representan un naufraxio e despois trasladan o corpo dun deles, que simula terse afogado, ata os pés da Virxe para recrear o milagre da resurrección.
Máis información aquí
Feira do Xamón da Cañiza
15 de agosto. A Cañiza.
O municipio da Cañiza presume de ter un microclima especial que o converte no mellor lugar de Galicia para a produción de xamón. Isto propiciou unha longa tradición xamoneira que desde hai algo máis de medio século se conmemora cada 15 de agosto coa Feira-Festa do Xamón. Este ano alcanzará a súa 53 edición.
Máis información aquí
Queimada popular de Cervo
17 de agosto. Cervo
Unha multitude de veciños e visitantes congregaranse un ano máis na Praza do Souto para participar nesta celebración popular. Os actos arrincan sempre cunha escenificación teatral antes de dar paso á preparación, o esconxuro e a degustación da queimada.
Máis información aquí