Que facer do 3 ao 9 de setembro en Galicia?

O verán vai perdendo fol pero as festas en Galicia non teñen fin. Se es amante da cultura estás de sorte porque esta semana tes unhas cantas citas: música, cinema e moito máis. Os eventos máis vangardistas mestúranse coas festas populares máis tradicionais na axenda semanal do 3 ao 9 de setembro.

 

Festa das Fachas de Castelo

7 e 8 de setembro – Taboada, Lugo

As fachas son paus de madeira de ata 10 metros de altura recubertos de talos dunha planta chamada vara de San Xosé que se cravan en círculo para prenderlles lume. O día 7 á tarde, levan estes fachos a un antigo castro e prepárase o terreo. Xa pola noite, ten lugar a queima das fachas e o Castro convértese nun espectáculo que pode verse desde toda a contorna.

 

No tengo mamá

7 e 8 de setembro – Vigo, Pontevedra

Este festival rompedor de artes visuais terá lugar na cafetaría cultural Detrás do Marco e céntrase en obras gráficas, audiovisuais e musicais autoeditadas, que escapan dos  convencionalismos. Pretende reunir e dar alcance aos seus creadores nun ambiente animado e curioso no que encaixarás á perfección se che gusta saír da liña.

 

Revoltallo

Do 7 ao 9 de setembro – Vigo, Pontevedra

Festival de música emerxente organizado pola Asociación de veciños de Valadares que celebra o seu 25 aniversario este ano con actuacións da talla de Terbutalina ou Skandalo GZ. Ademais, tamén haberá talleres e actividades familiares. Todo, por un módico prezo de 0€, vamos?

Podes seguir as novidades na súa conta de Facebook oficial:  https://www.facebook.com/revoltallo/

 

Festival 85 C

Do 7 ao 9 de setembro – Vigo, Pontevedra

Vigo está que arde, esta fin de semana tamén se celebra a terceira edición do Festival 85C. Un festival para reivindicar o papel da muller na arte no que participan un total de 60 mulleres dedicadas a diversas disciplinas artísticas como cinema, música, contacontos, artes escénicas, poesía e moitas cousas máis. Podes ver toda a programación na súa páxina de Facebook: https://www.facebook.com/85cproxecto/

 

FICBUEU

Do 7 ao 15 de setembro – Bueu, Pontevedra

O Festival Internacional de Curtametraxes desta localidade do Morrazo alcanza a súa undécima edición. Durante 9 días, poderás ver as curtametraxes máis destacadas do panorama internacional, asistir ao concerto de Xoel López ou ao monólogo de Carlos Blanco e probar todas as tapas da Ruta Tapas 5 Estrelas que se celebra  paralelamente ao festival nos establecementos hostaleiros dos arredores. Podes ver toda a programación en: https://www.ficbueu.com/es/programacion/

 

Festividade da Virxe de Guadalupe

Do 7 ao 14 de setembro – Rianxo, A Coruña

A  Virxe de Guadalupe é a virxe negra máis famosa de Galicia e, na súa honra, compúxose  “A Rianxeira”. Nestas festas o acto máis destacado é o paso da “Moreniña” polo Paseo da Ribeira, onde os asistentes entoan A Rianxeira ao unísono para despois embarcarse nunha procesión marítima na que participan máis dun centenar de embarcacións para acompañar á virxe por mar (algunhas a disposición do público).

 

Romarías da Virxe da Franqueira

Do 7 ao 9 de setembro – A Cañiza, Pontevedra

Esta é a segunda cita do ano que A Cañiza e arredores teñen coa Virxe da Franqueira, posto que a primeira coincidiu co luns de Pentecostés. Na romaría de verán, destaca a procesión da virxe montada nun carro tirado por dous bois cos ollos vendados.

 

Festival da Luz

Do 7 ao 9 de setembro – Boimorto, A Coruña

Un ano máis, Luz Casal convídate á súa terra natal, Boimorto, para que goces dunha contorna cultural de música, teatro, gastronomía entre outras cousas. Este festival ten un marcado carácter ecolóxico e solidario e, a recadación de billetes deste ano, destinarase á loita contra os incendios en Galicia e á creación de salas de rehabilitación na Residencia e Centro de día para maiores do municipio de Boimorto. Podes consultar o cartel na súa web:  https://www.festivaldelaluz.es/

 

Danzas ancestrais de Darbo

Sábado 8 de setembro – Cangas  do Morrazo, Pontevedra

A “Danza e Contradanza de Darbo” é unha das tres danzas ancestrais que perduran en Cangas do Morrazo, xunto coas de San Cibrán de Aldán e as de San Roque do Hío. Diante da igrexa parroquial, poderás contemplar esta curiosa danza realizada por homes e mulleres coas vistosas vestimentas propias deste tipo desta práctica.

 

Romaría da  Nosa Señora dos Milagres de Caión

Sábado 8 de setembro –  Caión (A Laracha), A Coruña

Esta é unha das romarías relixiosas de referencia no norte de Galicia pois, nestas datas,  Caión convértese en lugar de peregrinación para render homenaxe á virxe. O acto máis sinalado é a procesión da virxe desde o Santuario, situado no lugar de O Outeiro, á igrexa parroquial de Nosa Señora do Socorro, onde a imaxe permanecerá ata o ano seguinte.

 

Enofestival Ourense 2018

Sábado 8 de setembro – Ourense

Cuarta edición deste festival que une música en directo con degustación de viño nun enclave privilexiado como son As Burgas de Ourense. Goza da túa copa de viño da D.O. Ribeiro mentres grupos como Mad Mission, Anaut ou Cooper amenizan unha tarde perfecta.

 

Romaría da  Nosa Señora da Barca

Domingo 9 de setembro – Muxía, A Coruña

O santuario da Virxe de Nosa Señora dá Barca é un dos lugares de peregrinaxe máis importantes de Galicia. Se asistes a esta romaría, son tradición os ritos das pedras que están ao redor do santuario, ás que se lles atribúe poderes curativos.

Relixión, concertos, folclore, reivindicación… hai cabida para todo tipo de celebracións nesta semana, a que plan te apuntas ti?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *