Que facer do 10 ao 16 de setembro en Galicia?

Fagamos que a volta á rutina sexa algo máis levadía e sigamos gozando cos festivais e festas que se aveciñan esta semana. Unha boa fusión de rock e tradición popular para a axenda semanal do 10 ao 16 de setembro.



WOS Festival x SON Estrela Galicia

Do 12 ao 16 setembro  – Santiago de Compostela, A Coruña

A V edición do festival promete un ano máis un programa no que conviven concertos, cinema,  performances, coloquios e charlas no corazón do centro urbano e histórico de Santiago de Compostela. Un encontro multidisciplinar que promove diferentes propostas artísticas e culturais coa música como fío condutor do encontro. Non quedes sen entrada e consulta o programa completo na súa web:  https://wosfestival.workonsunday.es/



Freixo Rock

Do 14 ao 15 setembro  – Vigo, Pontevedra

Un festival de rock que se celebra no Freixo (Vigo) no que ademais de gozar dunha zona habilitada para a acampada poderás mergullarte no misterio do rock grazas ás actuacións previstas para o encontro. Con Josetxu Piperrak & The Riber Rock Band como cabeza de cartel, ao Freixo Rock 2018 súmanselle as actuacións de Arkada Social, Demencia Sonora ou  Falperrys, entre outros. Mantente ao tanto de toda a información no evento oficial: Freixo Rock 2018

Fene Rock 2018

Do 14 ao 16 setembro  – Fene, A Coruña

Este festival que nace nun principio como homenaxe a un guitarrista da zona chamado Félix García  Beceiros, foise consolidando co tempo e ano tras ano atrae a máis visitantes. Baixo carpa e con entrada libre, Wyoming & Os Insolventes e outras nove bandas amenizarán con música o paseo marítimo desta localidade. Segue todas as noticias relativas ao encontro no evento oficial do festival: Fene Rock 2018

 

Rianxo on Fire

Venres 14 de setembro  – Rianxo, A Coruña

Festival gratuíto que na súa 6º edición trae de novo un cartel  ecléctico no que veremos as actuacións de grupos como Collón DE Lola, CROMER, Liquen, Little Juice e Daro Deejay. Moita diversión e ritmo que poderemos atopar a partir das 22:00 na Praza de Rafael Dieste en Rianxo. Poderás atopar as últimas novidades e noticias sobre o festival na súa páxina de Facebook: Rianxo on Fire

Rock is Dead Fest

Sábado 15 de setembro  – Santiago de Compostela, A Coruña

Un festival rock para adultos e pequenos no que, ademais de atopar boa música, pódese gozar de actividades, talleres ou demostracións que pretenden achegar a cultura local ás familias. Destaca o“ Xan Session” no que máis de 150 músicos galegos ofrecerán un concerto atípico que ten como obxectivo principal fortalecer a cultura musical galega. Decátate de todo na súa páxina web: http://rockisdeadfest.com/

 

 

Festival do Leite

Sábado 15 de setembro  – Pontevedra

A 3ª edición deste festival celébrase este ano na cidade de Pontevedra co fin de fomentar e dar a coñecer a industria do leite en Galicia. Igual que nas edicións anteriores, poderase gozar exclusivamente de música de bandas e artistas galegos. Ademais, os máis pequenos poderán unirse ás actividades relacionadas co teatro, o circo ou a maxia. Podes atopar toda a programación na súa páxina de Facebook oficial: Festival do Leite 2018



En familia, en solitario ou con amigos… a semana máis rockeira xa está aquí. Que plan prefires?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *