Por que debes vir ao Arde Lucus

O Arde Lucus comezou a súa andadura no ano 2002 ligado ao solsticio de verán e con un obxectivo primordial: rememorar a fundación da cidade de Lugo recreando o seu pasado romano. Dende entón, e cada ano polo mes de xuño, o casco histórico amurallado transfórmase durante tres días en Lucus Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, ofrecendo aos que a visitan un completo programa de actividades, nun marco incomparable como é a Muralla, que cobra durante esta festa un especial protagonismo.

Un dos puntos fortes da celebración é a implicación da xente que, xa sexa con roupas romanas ou castrexas, toma as rúas durante toda a fin de semana, participando activamente no espírito da festa. Son eles os que, de maneira conxunta con varias asociacións, estudan continuamente o pasado para traelo ao presente. Así mesmo, todo aquel que visite a festa pode caracterizarse da época e saír á rúa coas súas mellores galas. Por suposto, non é indispensable, pero se queres facelo, hai numerosos comercios na cidade que os venden (a partir de 15 euros) e os alugan.

Tal foi o crecemento desta festa nos últimos anos que, no ano 2011, logrou o seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego, e este ano celebrarán a súa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.

Son moitas as sorpresas que se atopan nas rúas e as prazas da cidade nestes días. Dende música, lume e seres mitolóxicos, ata guerreiros celtas e lexionarios, pasando por vodas e bautizos romanos. O programa está repleto de animacións de rúa que aportan cor, son e ata olor da época.

Ademais, o Arde Lucus conta cun gran mercado con produtos procedentes dunha ampla variedade de recunchos de todo o mundo.

Outro dos grandes atractivos desta festa é o denominado CIRCVS ou Circo Romano, un espectáculo na area no que podemos ver a loita dos máis importantes gladiadores do Imperio.

Como curiosidade, cómpre resaltar que a festa admite euros pero tamén ten a súa moeda propia, que este ano é un áureo feito en bronce e latón dourado do ano 112 d. de C., en recordo do emperador Trajano. Acuñáronse 10000 e teñen un valor de dous euros.

Sen dúbida, o Arde Lucus supón unha fantástica oportunidade para revivir un anaquiño da nosa historia e, ademais, supón o comezo non oficial do verán en Galicia.

Este ano, os festexos comezarán o venres 30 de xuño e espérase que se superen os 600000 visitantes. Ademais, hai programadas máis de trescentas actividades das cales arredor de 40 serán novidade.

Ídelo perder?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *