Pontevedra aposta polo produto galego con aires asiáticos

O gañador de hai dous anos e finalista na pasada edición, Rubén González Vallejo, de El Cafetín, volverá representar este ano a Pontevedra na final do certame De Tapas por Galicia, esta vez cun petisco baseado en produto galego preparado con técnicas de aires asiáticos. Unha Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas que venceu no último Pontedetapas, concurso local no que este restaurante leva cinco anos consecutivos sendo premiado.

Sobre un taco compacto de arroz glutinoso, de estilo oriental, con algas wakame, kombu e espirulina e marcado á plancha, descansa neste bocado unha vieira mariñada durante un día en auga de mar, fileteada e á que se lle dá un golpe de calor. Sabores que se contrastan cuns puntos de emulsión de ourizo, cristais de soia e ovas de wasabi para darlle un toque picante e que se acompañan dun crocante de arroz. Tapado o conxunto, afúmase con madeira de carballo e loureiro.

Unha receita na que “buscamos un soporte compacto cunha visión asiática para un produto tan de aquí como a vieira”, en palabras de Rubén González, cociñeiro formado no Centro Carlos Oroza de Pontevedra e que traballou no Parador de Baiona e en restaurantes como o Cenador de Salvador Gallego, de Madrid, que conta cunha estrela Michelín. Hai uns anos fíxose cargo de El Cafetín, un clásico de Pontevedra ao que este chef quixo darlle aires novos “actualizando, con algo de vangarda e influencias asiáticas, peruanas ou mexicanas, receitas de toda a vida, sempre co produto más cercano”.

O restaurante triunfa cos seus “Xoves de Tapas”, nos que ofrece unha carta con catro petiscos salgados e un doce, diferentes cada semana. Unha aposta pola cociña en pequeno formato que acada un gran éxito porque “é unha versión máis informal que anima a probar novas cousas e novos sabores” e que, ademais de gustar ao público local, estase a facer cada vez máis un oco no turismo urbano.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *