Ourense e Ferrol destacan na Gala De Tapas por Galicia

O mellor petisco galego está en Ourense. Miguel González Quintela, do Restaurante Gastrobar Sanmiguel e, representante desta cidade, alzouse co Premio do Xurado Profesional na terceira Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, celebrada onte no Hotel Monumento San Francisco. A súa receita ‘Vieira de outono’ foi recoñecida por profesionais do sector. O Premio Especial do Público foi para Pablo Fuentes e Alberto Rodríguez (La Bodega de Estrella, Ferrol) coa receita ‘O choco da nosa ría’.

Nunha noite de emocións, os gañadores das edicións de 2016 dos concursos de petiscos das sete cidades de Galicia xuntáronse para un evento de cociña en directo organizado por Turismo de Galicia co obxectivo de potenciar o turismo urbano e gastronómico, aproveitando a puxanza dos cociñeiros galegos. No acto estiveron presentes a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo; e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Castro salientou o papel que a gastronomía ten na estratexia turística galega, “porque queremos convertela na punta de lanza dos produtos singulares e diferenciais de Galicia”. No evento, presentado pola xornalista María Cheda, os chefs remataron os seus pratos en directo e explicaron o seu proceso de creación. O xurado profesional valorou a orixinalidade e o respecto polo produto galego da tapa gañadora.

Formaron parte do panel de expertos Cesáreo González Pardal, secretario do Clúster de Turismo de Galicia; Roberto Walther, xefe do Departamento de Cociña no Centro Superior de Hostelería de Galicia; Belén do Campo Piñeiro, directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; José Manuel García, xornalista da Radio Galega; e Gerson Iglesias, cociñeiro gañador en 2016 do Premio do Público.

O Premio Especial do Público foi, pola súa banda, outorgado pola votación de varios convidados á Gala, elixidos ao azar. Os gañadores en ambas as dúas categorías foron galardoados cunha estancia dunha fin de semana nun balneario galego; e cun trofeo creado especificamente para a cita polo escultor Luís Loureira.

A final do certame De Tapas por Galicia reuniu en Compostela a Rubén González e Sergio Orge, gañadores en 2016, do Cafetín (Pontevedra); Chisco Jiménez e Xalo Muñiz da Taberna da Galera (A Coruña); Pablo Vila, do Hotel Puerta del Camino (Santiago); Pablo Fuente e Alberto González, de La Taberna de Estrella (Ferrol); Rafael Pérez Iglesias, de La Carpintería (Vigo); Miguel González Quintela, do Restaurante Gastrobar Sanmiguel (Ourense); e Álvaro Villasante Armas, do Paprica (Lugo).

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *