Os beléns de Valga e Begonte adáptanse nestes tempos da covid para non faltar á súa cita co Nadal  

O Nadal é unha época de celebracións, de reencontros e de tradicións. E entre estas últimas hai unha que sobresae entre as demais pola súa popularidade e a súa antigüidade. Falamos da recreación con figuras en miniatura do nacemento de Cristo, ou o que é o mesmo, dos beléns do Nadal, tamén coñecidos como presebes, portais ou, simplemente, nacementos. Unha práctica cuxos primeiros antecedentes remóntanse aos inicios mesmos do cristianismo e que en Galicia goza de gran arraigamento.

 

Chegado o mes de decembro e co inicio da conta atrás para o Nadal xa en marcha, os protagonistas dos beléns comezan a ocupar os seus lugares habituais en boa parte dos fogares galegos, así como noutros espazos diversos: desde igrexas ata consistorios, pasando por comercios, locais sociais, prazas públicas, centros educativos e unha longa listaxe de localizacións.

 

Algúns destes nacementos son recreacións modestas que se limitan a representar aos personaxes centrais da tradición cristiá, pero outros son montaxes de gran tamaño e complexidade que requiren de semanas de intenso traballo e da colaboración de numerosos voluntarios. E algúns destes últimos adquiren a categoría de obras de arte converténdose en celebracións capaces de atraer a atención de milleiros de visitantes. É o caso de dous beléns que se veñen escenificando desde hai xa varias décadas nos municipios de Begonte e Valga e que comparten o feito de ter sido declarados de interese turístico.

 

Este ano e a pesar da covid, os seus responsables non quixeron faltar a esta cita anual e optaron por solucións alternativas para manter o espírito dos seus beléns e compartilos cun público que en ambos os casos supera os 40.000 visitantes por ano. O de Valga eliminará esta vez as aglomeracións suprimindo as excursións escolares e reducindo o aforo a pequenos grupos, preferentemente familias e veciños da zona. Ademais, os seus responsables estarán atentos ao cumprimento da distancia de seguridade e das medidas de hixiene e uso de máscaras. Pola súa banda, en Begonte descartaron case por completo a realización de visitas presenciais, así que optarán por un formato virtual a través da súa páxina web de tal maneira que os internautas poderán gozar do espectáculo do belén sen necesidade de desprazarse.

 

Unha trintena de veciños, agrupados nunha asociación creada para ese efecto, son os encargados de dar forma á o Belén Artesanal en Movemento de Valga, unha posta en escena que este ano cumprirá o seu primeiro cuarto de século de vida. Ademais de polas súas dimensións e complexidade, con ao redor de 4.000 figuras e un complexo armazón para darlles vida, o belén de Valga caracterízase polo seu apego á terra e á actualidade. Xunto aos protagonistas habituais dos nacementos, pódense ver figuras que recrean escenas propias do mundo rural galego, como labores agrarios tradicionais ou lendas como a da Santa Compaña. Tampouco faltan entre os seus habitantes importantes personaxes locais, como a Bela Otero, ou galegos, como Rosalía de Castro, nin figuras que nos permiten lembrar os principais acontecementos dos últimos meses. A personaxes como Donald Trump, que se incorporou xa en anos anteriores, sumaranse nesta ocasión outros protagonistas da actualidade como o  epidemiólogo Fernando Simón. O belén poderase visitar no seu local habitual entre o 6 de decembro e o 10 de xaneiro. Máis información en http://belendevalga.es

 

A historia de Belén Electrónico de Begonte remóntase aínda máis atrás no tempo. Ao ano 1972, concretamente, cando seguindo o exemplo do Centro de Formación Profesional de Someso (A Coruña), o párroco José Domínguez Guizán decidiu impulsar un nacemento articulado que seguindo a tradición cristiá contribuíse tamén a dar a coñecer a localidade. Case medio século despois pódese dicir que o obxectivo se cumpriu sobradamente, posto que os visitantes ao Belén de Begonte cóntanse por decenas de miles. Do mesmo xeito que no caso de Valga, tamén aquí hai espazo para as tradicións locais. Entre as escenas animadas que se poden ver hai varias relativas aos costumes da comarca da Terra Chá e á forma de vida no mundo rural. Desde os seus inicios non deixou de crecer e incorporar novos elementos, propiciando que quen o visita todos os anos se sigan sorprendendo. Ademais, as pezas que foron substituídas serviron para dar forma a un museo, anexo ao belén, que permite coñecer as súas orixes e a súa evolución. Varios certames (poesía, arte, xornalismo, debuxo…), a participación dun pregoeiro de renome e outras actividades diversas completan a oferta dunha actividades dun belén que este ano se poderá gozar virtualmente a través da web http://www.belendebegonte.es

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *