Oito mulleres galegas para a historia

As mulleres ocuparon, tradicionalmente, as marxes dos libros de historia e as súas vidas e logros foron moitas veces esquecidos ou silenciados. Pero o recordo dalgunhas delas logrou atravesar as brumas do paso do tempo para permitirnos entrever relatos e traxectorias capaces de espertar o noso asombro. Que mellor que celebrar o 8 de marzo achegándonos a oito galegas que foron protagonistas da historia séculos atrás.

 

Exeria 

Século IV

As certezas sobre a súa identidade e as súas orixes son escasas, pero a tese que máis acordo suscita apunta a que esta peregrina e escritora que viviu no século IV naceu na provincia romana de Gallaecia, que abarcaba os actuais territorios de Galicia, Asturias, Zamora, León e o norte de Portugal. A súa importancia radica no feito de realizar entre os anos 381 e 384 unha viaxe desde Europa ata Xerusalén e, sobre todo, en deixar testemuño por escrito do seu periplo. O seu “Itinerarium ad Lola Sancta”, o volume no que dá conta de distintos aspectos relacionados cos lugares que foi visitando e coas xentes que se foi topando, está considerado como o primeiro libro de viaxes escrito na Península.

 

María A Balteira

Século XIII

O seu oficio de soldadeira (muller que cantaba e bailaba cos soldados durante as campañas de guerra) e os testemuños satíricos que dela deixaron os autores de varias cantigas deformaron os ecos que chegaron ata os nosos días desta muller nada no municipio coruñés de Coirós no século XIII. Pero polo menos permitíronnos saber que María Pérez, A Balteira, frecuentou as cortes dos monarcas Fernando III O Santo e Alfonso X O Sabio, estivo nas Cruzadas e mesmo formou parte dalgunha misión negociadora secreta diante dos caudillos árabes do sur da Península. As cantigas poñen o acento no aspecto máis frívolo da súa existencia, pero describen tamén a unha muller de carácter que rompía coas regras establecidas.

 

María Castaña

Século XIV

Convertido nunha expresión popular para referirse a tempos moi afastados, o nome de María Castaña remítenos a unha muller á que os libros de historia tampouco fixeron xustiza. Sábese que encabezou unha revolta popular no ano 1386 contra os abusos que sufrían os labregos por parte do Bispado de Lugo, segundo a teoría máis aceptada, ou contra os señores feudais que querían desposuílos das súas terras. Hai quen sostén tamén que puido tomar parte nas disputas territoriais propias da época coa monarquía portuguesa, aínda que o documento máis antigo no que se menciona só fai referencia aos delitos que cometería contra a Igrexa lucense e á multa que lle foi imposta. 

 

María Soliña

1551-comezos do século XVII

Esta veciña de Cangas traxicamente xulgada e condenada pola Inquisición é o símbolo da inxustiza que, do mesmo xeito que ela, sufriron outras mulleres da época. A súa desdita ten relación directa co ataque que a localidade sufriu en 1617 por parte duns piratas turcos e coa situación de pobreza que se xerou a continuación. Baixo unha falsa acusación de bruxería foi detida e, tras conseguir a súa confesión mediante tortura, foi desposuída de todos os seus bens e dos dereitos que tiña sobre os beneficios económicos das igrexas de Aldán e Moaña. 

 

María Pita

1565-1643

Elevada á categoría de heroína e gran protagonista da historia coruñesa, María Pita (o seu nome real era Maior Fernández da Cámara e Pita) debe a súa celebridade ao papel que desempeñou para defender a cidade do ataque que as tropas inglesas comandadas por Francis  Drake realizaron no ano 1589. Contan as crónicas que tras varios días de asedio os invasores lograron abrir unha brecha nos muros da Cidade Vella para enfrontarse a un continxente defensivo formado por soldados e veciños, entre eles numerosas mulleres. María Pita plantou cara a un alférez inglés que portaba unha bandeira, e tras arrebatarlle a insignia encabezaría a exitosa contraofensiva coruñesa ao berro de “Quen teña honra, que me siga”.

 

Isabel Barreto de Castro

1567-1612

Isabel Barreto de Castro, nacida en Pontevedra e emigrada a Perú sendo aínda nena, forma parte da historia da navegación mundial por ser a primeira muller en ostentar o cargo de almirante. Casada co navegante Álvaro de Mendaña, Barreto acompañouno na expedición que este iniciou no ano 1595 con destino ás Illas Salomón, arquipélago que o propio Mendaña descubrira case tres décadas antes. No transcurso desa segunda viaxe descubriron as Illas Marquesas antes de chegar ao seu destino. Xa nas  Salomón, Mendaña enfermou gravemente de malaria e antes de morrer decidiu nomear á súa esposa gobernadora e ao irmán desta, Lorenzo Barreto, almirante da expedición. Pero a morte de Lorenzo poucos días despois tras ser alcanzado por unha frecha envelenada obrigou a Isabel a asumir tamén o almirantazgo. Á fronte xa da expedición, poñería rumbo a Filipinas, onde volvería contraer matrimonio e desde onde organizaría unha nova viaxe cara a América.

 

Pepa A Loba

Século XIX

En poucos casos resulta tan difícil discernir entre lenda e realidade como no de Pepa A Loba. A súa existencia está amplamente arraigada na cultura popular, aínda que a súa presenza en distintos puntos de toda Galicia e os distintos comportamentos que as historias gardadas no imaxinario colectivo lle atribúen (cruel e vengativa, nuns casos, e  compasiva cal Robin Hood noutros) fan que mesmo se dubide se existiu unha soa  Pepa A Loba ou se o mito que hoxe coñecemos é a suma de varias bandoleiras diferentes. Concepción Arenal menciónaa nunha carta ao falar das súas visitas á prisión da Coruña, pero pouco máis se sabe de certo dela. O relato máis difundido conta que debe o seu nome ao feito de plantar cara a un lobo cando sendo aínda nena  pastoreaba ovellas.

 

Rosalía de Castro

1837-1885

A súa proximidade no tempo, a súa importancia capital no Rexurdimento da cultura galega e o seu legado literario propician que a figura de Rosalía de Castro sexa a máis coñecida, estudada e difundida de cantas integran esta pequena lista. Boa proba da súa importancia é o feito de que os responsables da Real Academia Galega decidisen adoptar o 17 de maio como día as Letras Galegas en conmemoración da data (17 de maio de 1863) na que foi publicada unha das obras cume de Rosalía, “Cantares galegos”. As paisaxes e as súas xentes, o orgullo polo propio e a denuncia das inxustizas e da pobreza son algúns dos temas que percorren os versos da poetisa e que propicia que o seu legado siga florecendo case un século e medio despois da súa morte.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *