O Samaín

A noite do 31 de outubro, e como cada ano, terá lugar a celebración do Samaín. Esta palabra, que procede do gaélico “Samhain”, significa “fin de verán”, e con ela dáse a benvida ao mes de novembro.

Trátase dunha festa pagá de orixe celta que supón, segundo din os estudosos da materia, a orixe de case todas as tradicións asociadas cos mortos, remontándose a épocas anteriores ao cristianismo. Na súa orixe, fai máis de tres mil anos, considerábase esta noite como o momento perfecto para homenaxear ás almas dos antepasados falecidos que saían a visitar as súas antigas aldeas.

Co tempo converteuse nunha celebración moi festiva e, hoxe en día, son moitos os lugares nos que gozan deste día rememorando as súas tradicións máis importantes. Entre eles, Galicia, cuxas cidades e pobos énchense de xente para formar parte da festa.

Entre as tradicións deste día están as xa míticas cabazas ás que, unha vez baleiradas, facíanselle tres buracos a modo de ollos e boca para representar unha caveira (os celtas utilizaba caveiras). Segundo din, despois había que introducir unha vela no interior para espantar aos espíritos malignos. Outra tradición moi común entre os nenos é o famoso “truco ou trato” que, en realidade, non deixa de ser unha transformación do costume dos celtas á hora de deixar alimentos doces nas portas das súas casas para que os espíritos estivesen contentos e non entrasen nos seus fogares. Por ese mesmo motivo, para escorrentar a eses espíritos, era común que as xentes dos pobos celtas utilizasen máscaras e disfraces, e é por iso que hoxe en día aínda é tradición disfrazarse ese día.

Aínda que moita xente cre que o Samaín é unha copia do Halloween americano, o certo é que é xusto ao revés, e é que foron os irlandeses (que tamén celebraban esta festa) os que o exportaron a Estados Unidos a finais do século XIX. É así como alí empezan a facer a súa particular versión da celebración.

É, en parte grazas aos americanos e á súa influenza, iso si, que aquí volve celebrarse de novo esta festa, que durante anos estivera “desaparecida”, xa que eles danlle a popularidade e a importancia que ata entón en Galicia deixara de ter, e fan que renaza de novo.

Así que xa sabes, se non tes plans para o 31 de outubro, quizá este sexa un bo.

Aínda que só sexa por gozar da degustación de castañas asadas con amigos ou por bailar ao son da música que rodea esta festividade, paga a pena deixarse levar polo Samaín, unha festa para todos os públicos que nunca deixa a ninguén indiferente.
 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *