O Samaín revive en Galicia 

A estreita e particular relación de Galicia coa morte déixase ver en moitas manifestacións patrimoniais e etnográficas da nosa terra, e cobra especial relevancia chegada esta época do ano, na que se encadean as celebracións de Todos os Santos e Defuntos. Son días para regresar aos cemiterios e lembrar aos amigos e parentes falecidos, pero tamén para recuperar unha tradición que se remonta un par de milenios atrás no tempo e que evidencia os lazos de Galicia con outros pobos celtas: o Samaín.

 

A propia palabra arroxa xa algunhas pistas sobre a antigüidade e a orixe desta celebración, debido a que segundo algunhas interpretacións sería o resultado de unir os vocábulos gaélicos para fin e verán, aínda que tamén hai quen a relaciona coa palabra asemblea. No que non parece haber discusión é no feito de que se trata dun festexo antigo e de orixe pagá que foi levado a Estados Unidos polos emigrantes irlandeses sentando as bases do Halloween. En Galicia, nos últimos anos, o Samaín foi obxecto dun proceso de recuperación e reivindicación para contrarrestar precisamente o crecente influxo da festa norteamericana.

 

Rafael López Loureiro, profesor en Cedeira, foi o precursor desta posta en valor da tradición autóctona galega hai xa máis de 30 anos buscando os seus vestixios e raíces por toda a comunidade e impulsando xunto ao movemento asociativo a recuperación na súa localidade. Pouco ten que ver aquela celebración orixinal co costume americano de disfrazarse, aínda que hai quen si achou evidencias do famoso truco ou trato en vellas prácticas druídicas. E en moitos puntos da Galicia rural a poboación maior lembra aínda prácticas que enraizarían directamente cos ritos primixenios e nas que xa se pode apreciar un achegamento á morte desdramatizado e aberto mesmo ao humor no que están presentes bromas co obxectivo de asustar. Tamén se identificaron en diversos lugares de Galicia ritos como o de baleirar e esculpir cabazas ou costumes como non recoller a mesa tras a cea da noite de Defuntos para permitir que a alma dalgún parente puidese alimentarse e acender fogueiras esa mesma noite para guiar os seus pasos cara ao máis aló.

 

O Samaín reviviu con forza nos últimos anos grazas ao impulso da comunidade educativa, o mundo asociativo e as autoridades locais. A celebración estendeuse por toda Galicia e as convocatorias de actividades tanto o 31 de outubro (día propio da celebración) como nas xornadas inmediatamente anteriores como posteriores cóntanse xa por decenas. En moitos casos os actos irán da man doutra das citas tradicionais que o calendario nos ofrece nesta época do ano, os magostos, de tal forma que as castañas estarán moi presentes. E os disfraces, a pesar da oposición dos máis puristas que seguen vendo nesta práctica unha concesión ao Halloween, volverán reinar en todas elas.

 

Así que se tes ganas de gozar dun velada  terrorificamente divertida non tes máis que buscar o Samaín máis próximo e sumarte á festa.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *