O pelotón de La Vuelta enche de cor e emoción as estradas galegas

A relación de Galicia con La Vuelta vén de lonxe. Destacados ciclistas nados nesta terra e criados para a competición nas súas estradas deixaron o seu nome gravado no  palmarés da competición española, como Álvaro Pino. Este corredor nado en Ponteareas alzouse co triunfo na edición de 1986 e protagonizou intensos duelos con deportistas de lenda como Pedro Delgado, Laurent Fignon ou Bernard Hinault.

 

Máis destacado aínda é o caso dos irmáns Rodríguez Barros, unha familia de deportistas orixinarios tamén de Ponteareas e que se converteron nos grandes animadores de La Vuelta na década dos anos 40. Delio, o maior deles, impúxose na edición de 1945, foi terceiro en 1947 e ostenta ademais o récord de maior número de vitorias de etapa, cunha impresionante cifra total de 39. Emilio, sete anos menor que Delio, logrou a segunda posición en 1948 e dous anos máis tarde subiu un chanzo máis para alzarse coa vitoria final nunha edición na que estivo acompañado no podio polo seu irmán Manuel, que foi segundo.

 

A un só paso do primeiro chanzo do podio quedou tamén Ezequiel Mosquera (Cacheiras, Teo), clasificado entre os cinco mellores en catro ocasiones e segundo na edición do 2010; mentres que Jesús Blanco Villar (Rois) alzouse con varios triunfos de etapa nos anos 1986 e 1987.

 

Ademais, o asfalto galego foi escenario de disputas épicas, e unha das nosas cimas, a dumbriesa do Ézaro, despuntou nos últimos anos como un lugar de referencia. O público agarda a súa chegada a sabendas de que pola súa dureza é un terreo propicio para as xestas e os ciclistas admírana e témena a partes iguais, conscientes de que poden consagrarse nas súas ramplas ou sepultar alí as súas opcións de facer algo grande.

 

Este ano, por mor da covid, os organizadores de La Vuelta víronse obrigados a trasladar a proba no calendario e a facer algún cambio sobre a marcha polas restricións que foron adoptadas nas últimas semanas, pero non quixeron faltar á súa cita con Galicia. Tres etapas discorrerán polas estradas galegas e O Ézaro volverá poñer a proba a resistencia do pelotón. Nesta terceira semana de La Vuelta 2020, as estradas galegas decidirán en boa medida a configuración do podio final.

 

Etapa 13 (3 de novembro)

Muros-Miradoiro do Ézaro (Dumbría)

Tras a xornada de descanso do día 2, na que os equipos da Volta se concentrarán na cidade da Coruña, a competición retomarase o día 3 coa única etapa contrarreloxo programada nesta edición da proba. Os ciclistas partirán de Muros dirixíndose cara ao norte en paralelo ao litoral por un trazado case chairo e atravesando lugares como Louro, Lira, Carnota e  Caldebarcos antes de enfrontarse ás ramplas do Ézaro, que ditarán sentenza. Serán un total de 34 quilómetros entre as espectaculares paisaxes da Costa da Morte.

 

Etapa 14 (4 de novembro)

Lugo-Ourense

Un día despois, case sen tempo para recuperarse do esforzo do Ézaro, o pelotón afrontará unha xornada sen grandes portos de montaña, pero si con moitas subidas e baixadas, terreo ideal para aqueles que traten de deixarse ver e de loitar pola vitoria de etapa meténdose nalgunha escapada. Dúas cidades de longa historia e abundante patrimonio, Lugo e Ourense, servirán de saída e meta dun percorrido de 204 quilómetros de lonxitude. Tras partir da cidade da Muralla os ciclistas cruzarán municipios como Guntín, Monterroso, Antas de Ulla, Agolada e Lalín antes de dirixirse cara a Rodeiro para rodearse das belas paisaxes da Ribeira Sacra (Chantada, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos e Nogueira de Ramuín) e encamiñarse despois cara á cidade das Burgas. No seu camiño deberán superar tres altos de terceira categoría (Escairón, Guítara e Abelaira).

 

Etapa 15 (5 de novembro)

Mos-Puebla de Sanabria

La Vuelta 2020 despedirase de Galicia con outra etapa de media montaña propicia para as escapadas. Será, ademais, cos seus 230 quilómetros de lonxitude, a máis longa desta edición. Nos seus primeiros quilómetros pola provincia de Pontevedra, o pelotón cruzará o concello natal de Álvaro Piñeiro e os irmáns Rodríguez Barros así como os municipios do Porriño e As Neves, entre outros. Xa en terras de Ourense, atravesará localidades como Celanova, Xinzo de Limia, Trasmiras, Verín e A Mezquita antes de deixar Galicia e afrontar o final de etapa na localidade zamorana de Puebla de Sanabria. San Amaro, Carcedo, O Furriolo, Fumaces e O Padornelo serán os portos da xornada, todos eles de terceira categoría.

 

Na páxina web de La Vuelta atoparás información detallada sobre os percorridos e os horarios, pero se tes previsto animar ao pelotón lembra consultar tamén en  https://coronavirus.sergas.gal as restricións de mobilidade propiciadas pola covid e adoptar as medidas obrigatorias de seguridade.

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *