O Entroido galego

O Entroido é unha das festas máis tradicionais, populares e lúdicas de Galicia. Celébrase en grande parte do mundo, pero en poucos lugares mantén tradicións tan particulares e antigas como en Galicia. Aquí, podemos atopar moitos Entroidos diferentes con personaxes únicas, que anuncian a diversión dos días previos á Coresma.

O Carnaval ou Entroido é unha festa de orixe pagá, na que se celebraba a fin do inverno. Adaptada en medida do posible ao cristianismo, os días do Entroido convertéronse nos últimos días de esmorga antes da entrada na Coresma (o nome Entroido vén da voz latina Introitus; entrada). Como para o Cristianismo, nos corenta días previos á Pascua non se podía comer carne (entre outras cousas), os días do Entroido caracterizáronse por grandes banquetes nos que abondaba o porco e outras delicias gastronómicas (Carnaval vén de caro, carni; carne).

É unha festa de sentido local. Moitas vilas e cidades contan coas súas propias tradicións e costumes carnavalescas. Iso si, todos estes Entroidos diferentes comparten aspectos como a retranca, a burla, a rebeldía, a esmorga, e a boa e abondosa comida.

Entre os Carnavais máis coñecidos de Galicia atopamos os Entroidos de Xinzo de Limia, Verín, e Laza, que conforman o “triángulo máxico” dos Entroidos galegos. Estas tres vilas do sur da provincia de Ourense posúen as personaxes emblemáticas do Entroido máis famosas de toda Galicia: as pantallas de Xinzo, os cigarróns de Verín e os peliqueiros de Laza.

As pantallas caracterízanse polas súas máscaras con cara de demo e crista e polos globos de vexiga de vaca que golpean facendo o molesto ruído que os identifica. Encárganse de animar o Entroido de Xinzo, que é un dos máis longos de Europa e quizais do mundo, pois dura cinco semanas. Ademais, é o único Carnaval galego recoñecido como festa de interese turístico internacional.

As personaxes dos outros dous Entroidos do “triángulo máxico” son os peliqueiros (Laza) e os cigarróns (Verín), que levan unha indumentaria extravagante e unha máscara sorrinte, sobre a que portan unha mitra na que están pintados animais da zona. Ámbolos dous levan fustas coas que golpean e molestan aos habitantes das vilas.

Peo estas non son as únicas figuras tradicionais do Carnaval. Algúns das moitas outras personaxes carnavalescas dos pobos e vilas galegos son: os boteiros de Viana de Bolo ou os de Vilariño de Conso, as Madamas e os Galáns de Cobres (Vilaboa), os xenerais do Ulla, os felos (parentes de peliqueiros e cigarróns) de Maceda, ou as “mázcaras” de Manzaneda, todos eles entroidos de interese turístico.

Nos últimos tempos, estanse a recuperar tradicións e costumes que levaban esquecidas xa moito tempo. Hoxe en día, o diverso Entroido galego está en boa forma e mestura os ritos ancestrais coa degustación dos produtos gastronómicos propios de cada zona, nunha festa antiga pero moderna e popular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *