O Camiño de Santiago chega desde Ourense

Os cociñeiros Bianca Coura e Gerson Iglesias, xunto a Pablo Domínguez Veloso, propietario da Adega das Caldas, fan unha homenaxe no seu petisco Camiño de Santiago ao que supón “a máxima representación de Galicia ante o mundo que, ademais, une a toda a nosa Comunidade”. A tapa, premiada no concurso Sabores de Ourense e coa que representarán a esa cidade na final de De Tapas por Galicia, forma unha concha do peregrino e inclúe tamén elementos moi tradicionais da gastronomía ourensá, como a castaña e os cogomelos.

Unha vieira enteiramente comestible na que o caparazón está feito de masa e o coral simúlase con solombo de porco criado con castañas marinado con especias tamén típicas de Ourense. Todo complementado con crema de castañas e escuma de boletus no que é “unha chiscadela á nosa cidade e á súa vinculación co resto de Galicia”.

Nada en Brasil, Bianca traballou en cociñas de Portugal antes de formarse na escola de hostalería de Villamarín e entrar na Adega das Caldas, un restaurante con máis de trinta anos de historia rexentado actualmente por Pablo Domínguez e ao que a chef achegou unha rica combinación de gastronomías procedentes de Portugal, Brasil e outros países sudamericanos. Gerson, pola súa banda,  naceu en Ourense, desde onde se trasladou a Vigo para traballar en restaurantes como Siete Torres ou Stravaganza e no hotel NH Palacio de Vigo antes de abrir o Ruxe Ruxe. Posteriormente, volveu á súa cidade onde se incorporou ao establecemento de Pablo Domínguez.

O local, unha antiga pousada con caballerizas restaurada, sorprende pola súa ambientación e, especialmente, polo seu gran xardín, e nel pódese gozar de pratos tradicionais “adaptados ás novas técnicas e a novos produtos”. Algo que satisfai tanto a ourensáns como a visitantes, xa que “a gastronomía ten un peso importantísimo no atractivo turístico dun lugar”. Palabra de restaurador.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *