Lugo homenaxea ao porco unindo culturas gastronómicas

Co significativo título de Oink!!!, o petisco co que Alejandro Méndez Lázare, da arrozaría Os Cachivaches, representará a Lugo na final do certame De Tapas por Galicia, une as culturas gastronómicas de Galicia, Andalucía e Xapón nunha orixinal homenaxe ao porco. Un niño de pasta udon cocida nun caldo similar ao ramen xaponés pero galeguizado con ósos de xamón e panceta de porco, ao que se engaden soia, cogomelos e algas, serve de base deste bocado servido en pratos con forma de porco deseñados polo artesán Chus Mondelo e que resultou gañador no Concurso de Tapas de Lugo.  

No medio do niño, unha xema de ovo de paspallás salpimentada, acompañada de orella feita en tres coccións (baixa temperatura, plancha e fritida), dous anacos de orella a baixa temperatura, encurtidos de allo, cebola, cenoria e pemento, aire de grelo licuado e decoración de flores comestibles. A receita complétase cun bombón con forma de landra feito de rebujito andaluz conxelado e recuberto de manteiga de cacao.

Alejandro Méndez estudiou hostalería en Lugo e ampliou a súa formación na escola de cociña Luís Irízar de San Sebastián. Traballou en varios restaurantes de Lugo, Menorca e o País Vasco, entre eles no de Arzak e no de Pedro Subijana. De volta en Lugo, abriu hai oito anos, xunto ao seu irmán, a arrozaría Os Cachivaches, así como unha hamburguesería de autor, locais que hai catro ano uniron nun novo. Aínda que “o que máis demandan os clientes son os arroces”, Os Cachivaches ofrece unha cociña moi variada na que “mesturamos o moderno e o tradicional, pero sen pasarnos de modernos”. O marisco non falta neste restaurante, que conta con cetárea propia.

Este cociñeiro vocacional, que ademais imparte os seus coñecementos como profesor en diversas organizacións, é un convencido de que a gastronomía constitúe “cada vez máis” un atractivo turístico fundamental, algo ao que contribúen “as posibilidades de difusión que ofrece Internet”.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *