Gústache o surf? Descubre o Pull & Bear Pantín Classic Galicia Pro!

Como cada ano, entre finais de agosto e principios de setembro, celebrarase na praia de Pantín (comarca de Ferrolterra) o campionato de surf Pull & Bear Pantín Classic Galicia Pro.

Coñecías esta festa do surf?

A súa historia remóntase a 1988, ano no que por primeira vez se realizaba un evento destas características na comunidade sen saber moi ben se ía funcionar ou non. Pero fíxoo, e ese ano o campionato acabou co triunfo de Jorge Imbert, por aquel entón campión de España e que chegara á proba case por casualidade. Desde entón, todos os anos reúnense alí as figuras máis destacadas o mundo do surf, o bodyboard e o windsurf. É por iso que, ao longo dos anos seguintes, o torneo foi medrando de categoría, entrando a formar parte do campionato do mundo en 1993. En 2009 recibía o premio ao mellor evento deportivo de Galicia (premio que concede cada ano a Secretaría Xeral de Deporte Galego), en 2013 outorgábaselle a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol polos seus 25 anos de promoción da comarca e é en 2016 cando se declara Festa de Interese Turístico de Galicia.

Este ano, o Pantín Classic Galicia celebra á súa trixésima edición, gozando dun enorme prestixio internacional e dunha gran soleira. De feito, é a segunda proba de surf con maior antigüidade en Europa, e a cuarta a nivel mundial. Contarán para iso con grandes figuras do surf como Federico Morais, Joan Duru, Kanoa Igarashi e Goni Zubizarreta no cadro masculino, e de Coco Ho, Pauline Ado e Leticia Canles no feminino. Unha das novidades deste ano é a súa duración, posto que se alongará nove días (do 26 de agosto ao 3 de setembro). Ademais, hai programadas numerosas actividades e concertos que farán que gocemos dunhas xornadas únicas, por emocionante,  por diferente e polo marabilloso enclave no que teñen lugar.

Porque no Pantín Classic a festa non está só no mar, e estamos ante algo máis que un campionato de surf. Nos 4.000 metros cadrados que ocupará a montaxe desta edición haberá oco tamén para tendas, food trucks, ramplas de skate e coloquios sobre medicina deportiva, así como unha oficina de atención ao turista. No seu compromiso coa conservación do medio ambiente realizaranse tamén charlas ambientais e levarán a cabo recollidas de residuos na propia praia onde se realiza o evento.

É, en resumo, un evento máxico no que cada onda queda gravada nun recuncho da nosa memoria, aínda que esteamos afeitos velas. E se non o estamos, a experiencia resulta practicamente única. Como dicía o famoso surfeiro Gerry López, “surfear é bailar coas ondas”. E nas costas galegas ese baile é todo un espectáculo.

O ano pasado foron máis de 55.000 persoas as que visitaron a praia durante este campionato, e a retransmisión en directo por internet superou os 132.000 espectadores, pero este ano promete romper todos os rexistros.

Se ti tamén queres sumarte, xa sabes onde e cando tes unha cita. O Pantín Classic nunca decepciona!

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *