Fusión de Galicia e Euskadi en Vigo

Rafael Pérez Iglesias, o chef do restaurante vigués La Carpintería, pensa que, no gastronómico, galegos e vascos “somos moi parecidos”. Non só porque nos gusta moito comer e comer ben, senón tamén porque coincidimos en produtos típicos. Como o xurelo, o centro do seu Itsasgorri (Mar Roxo), o bocado co que gañou por segundo ano consecutivo o concurso Petisquiño da cidade olívica e co que participará na gala do De Tapas por Galicia, tamén por segunda vez.

Galicia e Euskadi fusionánse nun pastel prensado de xurelo mariñado, pemento asado e anchoa en conserva, aderezado con sal, pementa e lima e completado con caviar de olivas negras e uns dados de vermú galego xelatinado. Unha unión de sabores enmarcada por dúas tellas crocantes de pan tramezzini.

Vasco de nacemento e de formación, Rafael estudou na escola de hostalería de Galdakao (Biscaia) e traballou en grandes hoteis de varias cidades de España, entre eles o Pazo Los Escudos de Vigo, e o Puerta del Camino, de Santiago. Ata que decidiu voar pola súa conta e, xunto á reposteira Elena Garmendia, abriron La Carpintería, para o que restauraron unha vella carpinteiría naval con máis de cen anos de historia na zona antiga de Bouzas.

Un local acolledor no que se aproveitaron as antigas ferramentas como decoración e onde se pode saborear esa mesma fusión entre as cociñas tradicionais galega e vasca, aínda que “cun toque de autor”. Dun autor convencido de que o costume de comer de tapas, tan arraigado en Euskadi, estase trasladando cada vez máis a outros lugares, “tamén a Galicia, onde cada vez o vemos máis, tanto nos turistas que visitan as cidades coma no público local”.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *