Festival Sinsal: XV edición dun festival cun cartel segredo

Sinsal Son Estrella Galicia é, sen dúbida, un dos festivais máis singulares de Europa.

A súa historia remóntase a fai catorce anos e caracterízase por unha identidade sonora propia. Nace en Vigo no ano 2003 e, dende entón, organizáronse máis de 300 concertos nos que artistas de todo o mundo xúntanse para presentar a súa música a nenos, adolescentes, adultos e maiores nunha experiencia única e sen precedentes en España. É, así, un festival para todos.

Este ano celébrase do 21 ao 23 de xullo e ten lugar, como en todas as edicións anteriores, na illa de San Simón, situada na Ría de Vigo e pertencente ao Concello de Redondela. Unha das peculiaridades deste festival é que se desenvolve en horario diúrno (dende as doce da mañá e ata o atardecer) e o público soamente pode acceder a el nos barcos fretados pola organización. O prezo da viaxe en barco está incluído no prezo da entrada. A viaxe á illa é xa de seu unha experiencia única, posto que conta cunha historia apaixonante (noutros tempos foi mosteiro, orfanato ou cárcere). A outra circunstancia que fai máxico o festival é o cartel segredo. É dicir, o público non coñece o nome dos artistas ata que entra na illa, e (por razóns obvias de respecto á contorna) unicamente 800 persoas poden gozar cada día do Sinsal.

Ademais, conta cunha grande oferta gastronómica, aínda que está permitido tamén que cada un leve a súa propia comida e a súa propia bebida (sempre sen alcol). Paralelamente ao desenvolvemento do festival, sucédense numerosas actividades para todos os públicos, como conferencias, reunións, obradoiros, xogos…

Todo o que acode di que é difícil explicar o que alí se vive, a extraordinaria atmosfera que se crea, e todos insisten tamén en que é un festival absolutamente único. Quizá por iso, en 2015 o Sinsal recibía o galardón de “Mellor festival de formato pequeno en España”, dos Premios Fest, e en 2017 obtivo dous Iberian Festival Awards, “Premio ás actividades culturais organizadas no festival” e “Premio á mellor activación de marca”.

E é que, como dicimos, o Sinsal acolle un dos eventos máis fermosos e especiais de cantos festivais coñecidos hai durante o ano. Así que se queres vivir unha experiencia única nunha contorna incomparable, non o penses demasiado. A illa de San Simón agárdate!

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *