Festival da Luz en Boimorto

O Festival da Luz nace na localidade coruñesa Boimorto no ano 2012 froito da colaboración entre o Concello e a cantante Luz Casal. Tal foi o impacto nas súas primeiras edicións que as entradas se esgotaron semanas antes do evento, espertando así un importante interese mediático, e é que os ingredientes auguraban un resultado magnífico, posto que todo o que asiste comproba que a atmosfera que se crea non é a dun festival ao uso, senón de algo máis.

Estamos ante unha experiencia única e solidaria na que a mesmísima Luz Casal convídanos á súa casa natal para gozar dun evento practicamente único en Galicia, exercendo como excepcional anfitrioa. Durante os tres días que dura o festival, a música, a gastronomía, as demostracións en directo, o teatro e a cultura xúntanse nunha paisaxe inigualable onde reina a natureza, a reciclaxe, a sustentabilidade e a innovación.

O festival, que este ano chega á súa sexta edición, celebrarase do 8 ao 10 de setembro, e nel manterase o compromiso dos organizadores de multiplicar aínda máis o seu impacto, a súa capacidade de influencia e as súas propostas. Para iso contarán cun cartel de luxo e cuxa recadación será doada a unha asociación de investigación e estudo do cancro, Oncomet. É por iso que, como en edicións anteriores, daranse cita en Boimorto máis de corenta grandes artistas nacionais e internacionais, así como novas bandas emerxentes. Entre os participantes atópanse nomes tan coñecidos como Rosendo, Mago de Oz, Siniestro Total, Jarabe de Palo ou León Benavente.

Outro dos atractivos deste festival é o mercado no que cada ano reúnense empresas e entidades que mostran ao público os seus mellores produtos e servizos. O obxectivo principal é que o público poida experimentar de primeira man as experiencias que se ofertan. Trátase dun espazo no que a innovación, a creatividade e a sustentabilidade dan cabida a todo tipo de propostas.

Hai tamén unha zona infantil de máis de 5.000 metros cadrados para os pequenos festivaleiros, con programación continua de talleres, inchables, contacontos, maxia e teatro. Trátase, con isto, de que todos os públicos teñan cabida no Festival da Luz, facendo del un evento familiar. Ademais, haberá un servizo gratuíto de bus que conectará o recinto co centro de Boimorto, polo que os que decidan acampar durante os tres días de festival poderán acceder máis facilmente a supermercados, caixeiros, farmacias e outros servizos.

Como novidade, este ano o festival presenta unha carpa dedicada ao cinema onde se proxectarán durante todo o fin de semana películas e documentais relacionados coa música.

E todo isto por un prezo simbólico de 10 euros por día ou de 15 polos tres días completos, cun fin puramente solidario, como xa comentamos (só o ano pasado conseguíronse recadar 101.000 euros para a ONG Oxfam Intermón).

Iniciouse así unha senda na que a cultura, o compromiso social do tecido empresarial galego e o público comparten un espazo común único e extraordinario. E ademais, cada ano, Luz Casal segue facendo realidade o seu soño: devolver ao seu Boimorto natal o agasallo de toda unha infancia alí.

Por moitos máis anos de Festival da Luz!

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *