Festas, ferias e romarías

Entroido
Entroido

En Galicia as festas seguen tendo o máis auténtico sentido de solidariedade, de reforzamento da casa, do grupo, con todo o que significa de tradición, de identidade. O emigrante galego leva moi

marcado na súa morriña o recordo destes días. O tempo de festa ofrece o máis positivo da sociedade nunha harmoniosa e alegre conxunción entre paisanaxe e paisaxe, entre o sacro e o profano que se xuntan coa renovación de mitos e de ritos ancestrais.

O Significado Agrario nas Festas e nas Feiras Tradicionais

A orixe da festa ten carácter agrario, en relación cos “catro elementos” que propician a vida: o lume que é o sol, a luz e a calor; a auga da chuvia que nutre fontes, ríos, mares; a terra que é pedra, piso, casa, altar, sepultura; o aire que respiramos, que é vento, que incluso fala e que nas lareiras se fai fume… Catro elementos que están en relación coas catro estacións do ano, que se abren en equinoccios e solsticios celebrados desde eses tempos do Neolítico, nos que o ser humano sabe que pode domesticar todo: paisaxes, vexetais, animais, a el mesmo e ao grupo con normas e leis.

O paso do tempo vai deixando a súa pegada: moitas tradicións revístense de ritual cristián. A actualidade pon igualmente a súa variada contribución. Dentro destas festas de orixe agraria está o ciclo do Nadal coa Noite de San Silvestre, a Candeloria, o Entroido ou Carnaval, os Maios, San Xoán, Corpus, os Magostos no tempo de San Martiño. Festas con particularidades en cada parroquia, pero tamén con elementos comúns: as fogueiras arredor das que se reúne e se afianza o grupo, para reconverterse en sorprendentes sesións de pirotecnia. Terá protagonismo a auga que crea verxeis, o vento purificador polo que “andan” os devanceiros, a terra que é o mesmo escenario… Celebracións nas que se xuntan as parroquias de vivos e de mortos.

Neste aspecto, a Noite de San Xoán é sintomática: din as tradicións que nalgunhas lagoas se escoitan as voces dos devanceiros e as campás de antigas parroquias. Nas festas como as de Santa Marta de Ribarteme, As Neves (Pontevedra) ou na do Cristo da Pobra do Caramiñal (A Coruña), algúns ofrecidos, levados polos seus familiares, acoden en ataúdes, amortallados, agradecendo que foron librados temporalmente do pasamento. Na tradición popular galega, morte e vida camiñan xuntas.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *