Festa da Lagosta e da cociña mariñeira

A calidade recoñecida da gastronomía da Guarda traduciuse no ano 1991 na primeira “Festa da Lagosta”. Dende esta primeira edición, a gran afluencia de visitantes fixo que medrase cada ano ata o punto de ser recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2009, ao tempo que a localidade recibía a denominación de “capital da lagosta”.

Ese crecemento non só se basea no incremento de visitantes, senón tamén no aumento dos días de celebración e a maior variedade de produtos do mar e doces, que permitiron aumentar a oferta gastronómica e así chegar a todos os gustos. De feito, dende o ano 2000 inclúese unha mostra da gastronomía local con novos mariscos e moluscos, polo que dende ese ano, denomínase “Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira da Guarda”.

Durante os días de festa, que este ano se celebra os días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo, instálase unha carpa no porto con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar de maneira cómoda a lagosta e os demais pratos. Xeralmente, o menú inclúe media lagosta, viño do Rosal e roscón de xema. Ademais, a festa conta con animación e entretemento para adultos e nenos, e nos últimos anos multiplicouse con un amplo e variado programa musical e de eventos deportivos e culturais.

Como o seu propio nome indica, o produto estrela é a lagosta, que se venderá a un prezo arredor dos 40 euros, pero tamén haberá degustación doutros produtos como percebes ou vieiras, así como fideos con ameixas, gambas, polbo ou empanadas variadas. A carta de doces tamén é variada, e inclúe receitas propias da zona da Guarda como son a rosca de xema antes mencionada, a torta de Santa Trega e as nécoras doces.

Este ano, ademais, contan con un concerto de María do Ceo, unha das principais expoñentes do fado portugués.

Así que se che apetece gozar da gastronomía galega nun ambiente festivo, este e un dos eventos que, sen dúbida, debes marcar na túa axenda deste verán.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *