Feiras de viño de Galicia no verán

Galicia pode presumir das súas numerosas festas gastronómicas populares. Neste caso, queremos falarvos das dedicadas a exaltar as virtudes do viño. E se falamos de viño, non podemos pasar por alto os seus deliciosos acompañantes culinarios. Se estás a buscar vivir o espírito galego en estado puro, non te podes perder as seguintes festas que van ter lugar o próximo verán. Ambiente festivo e produtos de calidade. Que máis se pode pedir?

Feira do Viño de Valdeorras

14 e 15 de xullo

Festa do Viño de Valdeorras

Ten lugar a mediados de xullo na Praza de Otero Pedrayo, na localidade de Viloira – O Barco de Valdeorras. Os visitantes teñen a oportunidade de degustar os exquisitos viños de Valdeorras das diferentes adegas que acoden ao evento. Na última edición foron 18 as que se presentaron, superando así as cifras dos anos anteriores. Animacións musicais en mans dun DJ e outros grupos musicais. A diversión está máis que asegurada.

Feira do Viño do Rosal

12 – 15 de xullo

Reserva o terceiro fin de semana de xullo no teu calendario porque se celebra a XXVI Feira do Viño do Rosal. O evento conta coa participación das adegas que forman parte da D.O. Rías Baixas, viños que, á parte de estar exquisitos, presumen de galardóns nas máis prestixiosas categorías. Para os amantes do viño e do deporte, o evento inclúe unha carreira de 10 quilómetros que atravesa os viñedos dunha adega participante. A que esperades, runners?

Festa do Viño Albariño

1 – 5 de agosto

Sen dúbida, unha das citas máis importantes do calendario festivo de Galicia é a Festa do Albariño de Cambados, que recibe en cinco días ao redor de 150.000 persoas. E é que o ambiente é incomparable! O Paseo da Calzada vese invadido por decenas de casetas montadas polas mellores adegas da zona, que ofrecen os seus albariños a prezos ao alcance de calquera peto. Goza dos espectáculos musicais ao mesmo tempo que descobres algunhas curiosidades sobre a produción do albariño.

Feira do Viño de Monterrei

10 – 12 de agosto

A XIII Feira do Viño de Monterrei terá lugar os días 10, 11 e 12 de agosto en Verín. Combínanse gastronomía e música ao redor dos protagonistas, os viños de Monterrei. O obxectivo é contribuír á exaltación desta Denominación de Orixe. Como en toda boa festa, a música xoga un papel importante acompañando mentres os visitantes degustan os viños e a deliciosa gastronomía de Monterrei. Tamén se realizan outro tipo de actividades e espectáculos dirixidas a nenos, o que o converte no evento ideal para ir en familia.

Feira do Viño do Condado do Tea

24 – 26 de agosto

A tradición que comezou no ano 1959 continúa 58 anos despois coa celebración da LIX edición da Festa do Viño do Condado de Tea. Máis de 50.000 persoas acoden ao evento en Salvaterra, atraídos polos exquisitos viños da Subzona do Condado do Tea da D.O. Rías Baixas. E como non, os viños, tanto brancos como tintos, van acompañados dos mellores produtos gastronómicos. As casetas instálanse no recinto amurallado das Covas de Dona Urraca, que outorgan ao evento un ambiente máxico e inigualable.

Con tantas festas, será imposible aburrirse. Reserva as datas na túa axenda porque esperamos verche en todas elas!

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *