Feira Franca de Pontevedra

A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludible para a xente de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todos os recunchos de Galicia e de máis alá das nosas fronteiras.

Como os propios organizadores din, trátase de toda unha viaxe ao século XV no que participa toda a cidade, e unha vivencia única que nos achega ao tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Enrique IV no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración, os quince últimos días de agosto e os quince primeiros días de setembro. A concesión da Feira Franca coincide cun período de puxanza económica na cidade, que se prolonga ata finais do século XVI. A pesca e o comercio eran entón os dous alicerces do desenvolvemento económico da cidade, naquel momento a máis poboada de Galicia.

A Feira, que actualmente ten lugar na zona monumental da cidade o último fin de semana de setembro de cada ano, é rescatada no ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raíces históricas que van desde a representación do transporte do viño ou o imperdible torneo medieval, ata os espectáculos de cetrería, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres para partir do atardecer, pero sobre todo o sábado. Pura maxia que, xunto cos bailes, os xantares entre amigos e as ganas de pasalo ben, enche a cidade de xente que sabe que, ese día, a alegría é a que vai reinar. Ademais, cada  edición dedícase a celebración a un tema concreto, polo que nestes últimos anos fixeron unha viaxe ao mundo dos Irmandiños, homenaxearon a agricultura e o comercio e volveron cantar cantigas de amor, escarnio e maldicir. En 2016, a homenaxe foi para a música.

Tal foi a acollida desta festa entre a xente de Pontevedra co paso dos anos, que se fixo necesario estender os límites do espazo da festa de maneira paulatina, ata abarcar na actualidade a totalidade da zona monumental e mesmo outras áreas limítrofes. A Praza da Ferraría  mantén a súa condición de centro neurálxico e consolídase ano a ano como o lugar elixido para as representacións de oficios tradicionais. A Praza de Santa María acabaría por acoller á maior parte dos artesáns e é na Alameda e na Praza de Curros Enríquez onde se distribúen os postos de alimentación.

O que fai especial a esta feira, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, son os miles de persoas que se visten de época para comer nas prazas e rúas, ataviadas para a ocasión con mesas cuxa decoración segue as normas estéticas da segunda metade do século XV. Ademais, músicos chegados de todas partes enchen de música o ambiente, facendo que tan só o mero feito de darse un paseo polas rúas da cidade do Lérez sexa unha festa. É un auténtico festival de sabores e cores!

Bailes eternos, sorrisos compartidos e emocións de todo tipo son o ingrediente final deste evento ao que todo o mundo debería acudir polo menos unha vez na vida.

Así que xa sabes… Se queres poñerlle punto final ao verán ao grande, lembra: 1 e 2 de setembro en Pontevedra.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *