Espazos Sonoros pon música aos lugares máis singulares

Espazos Sonoros pon música aos lugares máis singulares

 

Música e patrimonio volven darse a man grazas ao programa Espazos Sonoros, que levará varias actuacións en vivo a espazos cargados de historia das catro provincias galegas.

 

O programa, promovido pola Consellería de Cultura e que suma xa 12 edicións, arrincou o domingo pasado en Baiona e prolongarase ata o 6 de outubro. En total son 8 as citas organizadas noutras tantas localizacións e co denominador común de axudar a dar a coñecer o patrimonio monumental a través de músicas de raíz e de tradición culta. A capela do antigo instituto da Fundación Blanco de Lema (Cee), as igrexas da Santa Liberata (Baiona), Santo Estevo de  Chouzán (Carballedo), Santa María de Penamor (Becerreá) e San Miguel de Lebosende (Leiro), o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil), o Pazo do Faramello (Rois) e a Catedral de Tui son os oito Espazos Sonoros desta edición.

 

Todas as actuacións serán gratuítas e de entrada libre ata completar o aforo, pero nalgúns casos por mor das limitacións de espazo será necesario inscribirse previamente. Os interesados poden facelo poñéndose en contacto cos organizadores a través do correo electrónico actividades@espazossonoros.org.

 

Esta semana son dous as citas programadas e en ambos os casos a proposta será dobre. A igrexa de Santo Estevo de  Chouzán, no municipio lucense de Carballedo, acollerá o sábado (ás 18 horas) a actuación do dúo Francanapa. Susanne Hofmann (violín) e Matías González (bandoneón) interpretarán un concerto que leva por título As sonoridades do tango: de Bach a Piazzola. A actuación será o colofón a unha xornada que incluirá tamén un roteiro de sendeirismo polas inmediacións do lugar. O cemiterio de Chouzán servirá de punto de partida (ás 12 horas) a un percorrido circular de 4 quilómetros de lonxitude (2,5 horas de duración) co que os organizadores queren dar a coñecer a riqueza patrimonial que quedou mergullada pola construción do encoro dos Peares. A actividade foi deseñada para un máximo de 60 persoas, así que é necesario inscribirse previamente.

 

Un día despois, o domingo 8, os Espazos Sonoros trasladaranse ata Parada de Sil, na provincia de Ourense, para ofrecer outra proposta dobre co mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil como pano de fondo. Neste caso, a xornada arrincará ás 12 horas cun taller participativo de aproximación á voz como instrumento no que tomarán parte María Giménez, Eliseu Mera, Felipe Rodríguez, Uxía Delgado, Pablo Ruibal e, como moderador, Andrés Díaz. O público poderá interpretar dúas ou tres pezas, que serán gravadas e repartidas entre todos os participantes. Xa pola tarde, ás 15 horas está prevista unha visita guiada ao mosteiro na que o arqueólogo e divulgador Anxo Concheiro relatará aos asistentes no taller a historia e as particularidades do lugar.

 

A seguinte parada do programa será o sábado 14 en Tui cun concerto do pianista e organista Michael Schöch e un percorrido por ambas marxes do río Miño en busca da tradición organista da zona. O sábado 21 chegará o momento de visitar o municipio de Cee para coñecer o museo e os xardíns da Fundación Fernando Blanco e gozar da música do guitarrista Mateo Arnáiz. O domingo 29, o Pazo do Faramello, en Rois, acollerá a actuación de Rosalía Gómez Lasheras, que interpretará un recital de fortepiano. Xa en outubro, os  Espazos Sonoros visitarán Leiro (sábado 5) onde actuará o grupo L’Unisoni e haberá un roteiro seguindo a pegada do románico local, e Becerreá (domingo 6), para escoitar a Capella de Ministrers e coñecer o mosteiro de Santa María de Penamaior.

 

Máis información aquí

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *