Dozura cun toque salgado desde Ferrol

Alejandro Martínez Bacelo, da cafetería Vanessa de Ferrol, mestura sabores opostos na súa Sopa de améndoa tostada, escuma de foie e perlas de Pedro Ximénez, a proposta coa que gañou o concurso Tapéate e coa que participará na gala final de De Tapas por Galicia.

Unha sopa fría feita con améndoas tostadas e leite do mesmo froito ofrece unha delicada dozura que se complementa co toque salgado dun fondo de verduras e unha cuberta de foie. Unhas perlas de Pedro Ximénez, esferificacións xelatinosas feitas con agar-agar –extracto de algas-, coroan esta pequena xoia para o padal.

A proposta busca “agradar sen complicacións con algo diferente”, en palabras deste chef formado na Escola de Hostalería de Pontedeume e que pasou polas cociñas de restaurantes como Zalacaín, en Madrid, ou Muiño do Vento, en Ferrol. Ata que, hai tres anos, o propietario da cafetería Vanessa quixo ampliar o seu negocio incorporando cociña ao establecemento, ata entón dedicado durante trinta anos exclusivamente a servir cafés, almorzos e xeados. E confiou en Alejandro para esa transción.

“Foi un cambio arriscado”, confesa Martínez Bacelo, “pero a aposta por ofrecer máxima calidade a prezos asequibles a través de preparacións innovadoras e diferentes ao que se podía atopar en Ferrol resultou ser un éxito”.  Unha aposta traducida maioritariamente en tapas e pratos “para compartir” con sabores e elaboracións novos.

E é que Alejandro está convencido de que a creatividade “agrádecese” e se demanda cada vez máis, porque “á xente cada vez lle gusta máis comer, pero, sobre todo, comer mellor e probar cousas novas”. Algo que, máis aló de satisfacer aos padais locais, supón un bo atractivo para os turistas que visitan a cidade e que, ademais de mergullarse na arquitectura, a cultura e a paisaxe urbanas, buscan gozar de experiencias culinarias como descanso ideal no seu percorrido.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *