Desembarco viquingo: ven á romaría de Catoira

A Romaría Viquinga de Catoira celébrase, cada ano, o primeiro domingo de agosto.
Nesta festa, os habitantes da vila e os miles de persoas que se achegan a ela, escenifican as invasións viquingas sufridas fai mil anos e lembran o papel que tivo Catoira na defensa de Galicia fronte a aqueles ataques normandos en busca do tesouro da igrexa compostelá (Catoira era xa desde a antigüidade un lugar estratéxico de entrada polo mar ata Compostela).

Esta festa tan singular, que se celebra desde o ano 1961, empeza pola mañá e nela pódense ver e escoitar actuacións musicais polas rúas e na contorna do “Castellum Honesti”, actuais Torres do Oeste, e epicentro da celebración. Estas torres, que datan do século IX, son un dos legados arqueolóxicos e históricos máis importantes de Galicia, posto que durante séculos resistiron o ataque de numerosos exércitos, e hoxe en día se conservan os seus restos xunto a unha ermida dedicada ao Apóstolo Santiago. É nesta zona onde se instala un mercado medieval no que, ao chegar o mediodía, obséquiase aos organizadores dos festexos con mexillóns e viño. A partir de aí comeza o que é sen dúbida o prato forte da romaría: o desembarco viquingo. Nel represéntase a chegada dos invasores do norte a bordo da réplica dun barco viquingo do século XI, coa intención de tomar as Torres do Oeste, que á súa vez son defendidas polos habitantes da vila, producíndose así unha batalla simulada onde os participantes acaban empapados de viño. Despois destes actos, todos gozan dun xantar popular (con polbo, empanada, sardiñas…) ao son de fondo das gaitas, e xa pola noite, a festa segue cunha verbena popular que se completa con numerosas actividades.

Ao longo de toda a xornada, a vila énchese de persoas disfrazadas de guerreiros viquingos e de campesiños galegos da época, o que dota a estes festexos dunha maxia particular.
Por todo iso, en 1988, declárase á Romaría Viquinga de Catoira Festa de Interese Turístico Nacional e, en 2002, é declarada tamén Festa de Interese Turístico Internacional. Así mesmo, e dado que é nestes últimos vinte e cinco anos cando a romaría adquiriu un maior crecemento e unha gran proxección internacional, orixínase o irmandamento de Catoira coa vila dinamarquesa de Frederikssund.

Este ano, a festa será o 6 de agosto.
Vémonos alí!

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *