De Tapas por Galicia decide mañá cal é o mellor pincho das sete cidades galegas

Os gañadores dos concursos de tapas das sete cidades galegas compiten mañá en Santiago na Gala Showcooking Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, organizada por Turismo de Galicia. O evento, que chega á súa terceira edición, repartirá o Premio do Xurado Profesional, formado por profesionais da gastronomía e do turismo; e o do Xurado Popular, outorgado por unha selección dos asistentes á gala.

A final celebrarase mañá ás 20.00 no Hotel San Francisco Monumento, en Santiago de Compostela. De Tapas por Galicia busca promover o turismo urbano e gastronómico aproveitando a puxanza dos cociñeiros galegos, e especialmente a súa creatividade á hora de idear este tipo de pratos de pequeno formato.

Decidirán o Premio do Xurado Profesional Cesáreo González Pardal, Secretario do Clúster de Turismo de Galicia; Roberto Walther, xefe do Departamento de Cociña no Centro Superior de Hostelería de Galicia ; Belén do Campo Piñeiro, Directora Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; José Manuel García, xornalista da Radio Galega; e Gerson Iglesias, cociñeiro e gañador do premio do público o ano pasado.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *