Curiosidades da Festa do Albariño en Cambados

Do 2 ao 6 de agosto, e como cada ano, celébrase en Cambados a Festa do Albariño, declarada Festa de Interese Turístico Nacional desde o ano 1990 e cita indiscutible do verán en Galicia.

A súa historia remóntase ao ano 1953, ano no que no medio dunha reunión de amigos decídese organizar por primeira vez un concurso entre adegueiros coincidindo coas festas da patroa. Acordaron que cada colleiteiro presentase o seu viño para logo elixir o mellor de todos. Nesta primeira edición participaron medio centenar de comensais e nove adegueiros, e a partir de aí a festa foi medrando e, hoxe en día, cóntanse por miles os participantes neste evento, superando, nos últimos anos, os 200.000. Ademais, nesta festa concéntranse grandes cantidades de turistas que chegan a Cambados atraídos pola sona dos seus viños e a tradición dos seus festexos, os máis antigos de Galicia no ámbito vinícola.

Unha das súas tradicións máis coñecidas é a do nomeamento das Damas e Cabaleiros de Honra do Capítulo Serenísimo do Albariño. Son tamén unha tradición as “peñas”: grupos de cambadeses que participan na organización da festa e que, ataviados con camisas identificativas e un vaso sempre disposto para o seguinte viño, animan aos asistentes por rúas e bares.

Outra curiosidade: durante o evento chéganse a repartir ao redor de 100.000 botellas de viño Albariño, ou o que é o mesmo, 75.000 litros desta bebida cuxa fama vai máis aló da nosa terra.

Durante todos estes anos, artistas de gran relevancia musical actuaron na Festa do Albariño e, en cada edición, supéranse un pouco máis, sumándose ás decenas de actividades que fan as delicias dos asistentes.

En suma, quen asista a este evento irase coa sensación de compartir o amor e a enorme paixón que cada un dos adegueiros puxo na elaboración dun dos mellores viños do mundo, e terá gozado dunha contorna e un ambiente únicos que lle farán desexar que chegue pronto a edición do ano seguinte.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *