Coñeces o festival 17º Ribeira Sacra?

Entre o 28 e o 30 de xullo, nos municipios lucenses de Sober e Monforte de Lemos, celebrarase por primeira vez o 17º Ribeira Sacra, festival que contará con música de diferentes estilos nun amplo cartel formado, sobre todo, por representantes galegos, como Iván Ferreiro ou Novedades Carminha, pero entre os que destacan tamén outros importantes artistas foráneos como o madrileño Ángel Stanich, o estadounidense Matthew Stephen Ward ou os británicos The Magic Numbers.

Os concertos, ademais, ofreceranse en lugares representativos do patrimonio da zona, como a Igrexa de San Xulián de Lobios, a Reitoral de Gundivós ou o Miradoiro de Santiorxo. Haberá, así mesmo, dous concertos sobre o Río Sil a bordo dun catamarán situado no Embarcadoiro de Doade. Imaxínalo?

Ademais da súa oferta musical, este festival tamén propón diversas actividades gastronómicas e vitivinícolas. Así pois, na adega Regina Viarum e no Parador de Monforte, instalaranse numerosos postos de comida e, durante as tres xornadas que dure o festival, organizaranse catas de viños e visitas guiadas a diferentes adegas.

Desde o mes de xuño están á venda os abonos para estes tres días de festa, así como as entradas para un único día e outras específicas para eventos con aforamento moi limitado. Cabe destacar que, para os posuidores do abono completo, a organización ofrece un servizo de bus para asistir aos diferentes concertos (previa inscrición e por un prezo de dez euros por persoa).

Unha curiosidade: o nome do festival débese a que 17º é o ángulo de pendente a partir do cal se considera de risco a actividade vitícola. É, como din, “a temperatura das tripas da terra”.

Se aínda non coñeces a zona, este é un festival perfecto para ti, posto que as paraxes naturais nas que se desenvolverá namorarante por completo. Mesmo se es dos que xa coñece a Ribeira Sacra, acabarás namorándote tamén desta terra única á que, o último fin de semana de xullo, acompañará unha extraordinaria banda sonora.

Vas deixar pasar esta oportunidade?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *