Coñeces a Romaría do Naseiro? Ven a Viveiro!

A Mariña Luguesa é unha terra privilexiada por moitos motivos. O primeiro deles: as súas paisaxes, cheas de costas, vales e serras montañosas que parecen saídas dun conto. O segundo: a súa gastronomía, rica en peixes de mar, pescados de río, mariscos, carnes e un longo etcétera. Non debe estrañarnos, por tanto, que neste contexto xurdan romarías como a que vos descubrimos hoxe.

A Romaría do Naseiro, tamén coñecida como Romaxe do Bo Xantar (Romaría do Bo Comer), é unha festa que se celebra a finais do mes de agosto no val de Naseiro, na localidade de Viveiro. É, desde 1967, Festa de Interese Turístico Nacional, e este ano terá lugar entre os días 25 e 29 de agosto, sumando así cinco días de concertos, comidas e ganas de gozar.

A esta festa acoden miles de persoas procedentes de toda España que se aloxan nas improvisadas cabanas construídas para a ocasión, creando un poboado que conta tamén co seu propio mercado e numerosos postos de comida e bebida. Todo isto, aderezado con música de orquestras e gran variedade de atraccións.

Normalmente, a festa comeza xa na tarde do venres, día do polbo, no que se organiza unha gran cea ao son de charangas e gaiteiros (só o ano pasado repartíronse máis de 3.000 kg de polbo). Os días seguintes son para o marisco, o caldo, a empanada e a típica sardiñada (un día para cada cousa). O último día, pola tarde, realízase o Descenso Humorístico do Landro, no que os romeus e todo aquel que se queira unir descenden polo río ata o campo da festa, ataviados cos máis singulares disfraces.

A orixe da Romaría do Naseiro remóntase ao ano 1933, cando Antonio Noriega Varela e José Barros promoven por primeira vez esta iniciativa para exaltar non un alimento en particular, senón a comida en xeral (de aí o seu segundo nome). O que empezou hai máis de 80 anos como unha reunión de xente do pobo para comer e gozar do lugar, hoxe é xa una das festas máis coñecidas de España e alóngase cinco días. Entre as árbores de Naseiro, hoxe e entón, constrúense longas mesas e casetas de todo tipo no que o importante é gozar da boa comida e da xente.

Ademais, este ano, como novidade, haberá orquestras tanto na sesión vermú como na verbena nocturna durante todos os días que duran os festexos, co que a diversión e o entretemento están asegurados.

En resumo, se hai unha festa que non podes perder, é esta. Non sabemos se é a mellor, pero si é das máis curiosas que coñecemos. Claro que para saber por que… terás que ir!

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *