Cal é o mellor petisco das sete cidades galegas?

Volve De Tapas por Galicia, a cita dos grandes sabores en pequeno formato. Os gañadores dos concursos de petiscos das sete cidades de Galicia xúntanse o 4 de xullo en Compostela nun gran evento organizado por Turismo de Galicia para promover o turismo urbano e gastronómico na Comunidade.

Os sete finalistas son unha mostra da excelente calidade e da creatividade gastronómica que existe hoxe en día nas urbes galegas. Compiten polo Premio ao Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia Pablo Fuentes Rial e Alberto Rodríguez Calvo, da Bodega de la Estrella (Ferrol); Chisco Jiménez e Xalo Muñiz da Taberna da Galera (A Coruña); Pablo Vila, do Hotel Puerta del Camino (Santiago); Rubén González Vallejo e Sergio Orge, do Cafetín (Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias, de La Carpintería (Vigo); Miguel González Quintela, do Restaurante Gastrobar Sanmiguel (Ourense); e Álvaro Villasante Armas, do Paprica (Lugo). Entre as propostas hai pratos de temporada, elaboracións tradicionais combinadas con audaces toques de cociña contemporánea e presentacións case paisaxísticas. E todas elas caben en apenas un par de saborosos bocados.

No evento entregarase o Premio ao Mellor Cociñeiro, outorgado por un xurado de profesionais de prestixio no sector. Unha selección de integrantes do público asistente á gala será a encargada de xulgar os pratos e conceder, ademais, o galardón popular. Os mellores pinchos de Galicia mídense de novo en Compostela na terceira edición de De Tapas por Galicia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *