As sete cidades compiten polo mellor petisco do 2018

Volve a gran cita do turismo gastronómico urbano galego. De Tapas por Galicia celebrará o próximo día 17 de xullo a gala final, na que cociñeiros das sete cidades máis importantes competirán por demostrar en cal delas se pode comer o mellor petisco. Cociñeiros innovadores e receitas sorprendentes marcarán o desenvolvemento da cuarta Gala Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia.

A cita dos grandes sabores en pequeno formato cambia para esta edición de 2018 de localización. Celebrarase no hotel compostelán AC Palacio del Carmen, un espazo histórico no mesmo centro da capital galega. O evento, organizado por Turismo de Galicia, busca promover o turismo urbano e gastronómico na Comunidade, remarcando os atractivos e fortalezas das sete capitais e, paralelamente, o dinamismo e creatividade da cociña galega e a gran calidade dos ingredientes dos que dispón.

Os finalistas foron gañadores dos concursos nas súas respectivas cidades. Compiten polo Premio ao Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo). Bares, gastrobares e restaurantes están representados nesta selección de talentos, que presentarán pratos tradicionais con xiros contemporáneos, aproximacións á cociña internacional e presentacións traballadas.

No evento entregarase o Premio ao Mellor Cociñeiro, outorgado por un xurado de profesionais de prestixio no sector. Unha selección de integrantes do público asistente á gala será a encargada de xulgar os pratos e conceder, ademais, o galardón popular. De Tapas por Galicia decidirá, por cuarto ano consecutivo, cal é o mellor petisco da cociña galega.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *