As San Lucas de Mondoñedo. Música celta para a celebración máis veterana 

Con case nove séculos de historia, as Feiras e Festas das San Lucas poden presumir de experiencia e vitalidade. As súas orixes atribúense á época do Bispo Martín, quen tería iniciado esta celebración no ano 1246 con motivo da consagración da catedral de Mondoñedo. Pero hai quen se remonta mesmo máis atrás no tempo e sinala que foi o rei Alfonso VII quen en 1156 autorizou unha festa de oito días no municipio sentando así as bases do festexo actual. No Concello de Mondoñedo téñeno claro e explican que estes antecedentes converten ás San Lucas “nas feiras máis antigas de Galicia, do antigo Reino de León e as quintas máis antigas de España”. E así o recoñeceron tamén outras administracións outorgándolle a consideración de festa de interese turístico.

 

Inicialmente desenvolvíase no mes de agosto, pero as obrigacións do calendario agrícola fixeron que se desprazasen ata mediados de outubro. O que non cambiou a pesar do paso do tempo é que As San Lucas é un festexo de tanta tradición como valor etnográfico que soubo conservar os seus elementos máis característicos. 

 

O gando segue xogando un papel central no programa de actos e cada xornada das celebracións mantén unha nomenclatura particular. A chegada dos cabalos ata o recinto da feira e o paseo do Día das Vésperas (xoves 17), a feira tradicional de gando cabalar e o concurso de andaina galega do Día das San Lucas (venres 18), o concurso morfolóxico de cabalos e eguas de pura raza galega do Día do Medio (sábado 19), e o concurso de cabalos trotóns do Día das Maulas (domingo 20) son algunhas das citas que máis atención congregarán estes días en Mondoñedo tal como vén ocorrendo desde hai séculos.

 

A festa tamén soubo facer oco á modernidade e son moitas as propostas que complementan e enriquecen o seu programa ano tras ano: comidas populares, pregón (este ano con Manuel Lourenzo), pasacalles, teatro, homenaxes a personaxes ilustres nacidos na localidade (Pascual Veiga e Noriega Varela desta vez) e verbenas non faltarán tampouco nesta ocasión.

 

Este ano ademais, coincidindo co 800 aniversario dos inicios dos traballos da construción da Catedral de Mondoñedo, As San Lucas sumarán un atractivo máis: un Festival Intercéltico organizado co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo a través do programa O Teu Xacobeo. Terá lugar o sábado 19 convertendo a localidade nun punto de encontro para os amantes da música folk. A praza da Catedral encherase dos mellores sons coa actuación dunha destacada representación da música feita en Galicia e noutros países de tradición celta. Un grupo de gaiteiros dará inicio á velada tocando desde as torres da Catedral. A continuación, o gaiteiro asturiano Brais Rodrigo, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, o grupo irlandés Lunasa e os franceses Gwendal encargaranse de poñer o broche de ouro a unha centenaria celebración que segue rezumando vitalidade.

 

Máis información aquí

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *