As mellores tapas de Galicia estarán na V Gala Show Cooking

O 2 de xullo é a data na que algúns dos mellores cociñeiros de tapas galegas do momento se reunirán para competir polo título de Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia. A V Gala Show Cooking, que terá lugar a partir das 20:00 na Sala de Exposicións do Hostal dos Reis Católicos, acolle un ano máis aos cociñeiros vencedores dos concursos de tapas das principais cidades galegas. Tapéate Ferrol, o Concurso de Tapas Picadillo, Santiago(é)Tapas, Pontedetapas, o Concurso de Tapas Petisquiño, o Concurso de pinchos Sabores de Ourense e Xantar de Tapas, Concurso de Tapas de Lugo elixiron durante o pasado ano a súa tapa favorita, facéndoa tamén finalista deste importante evento gastronómico.

Sete serán os chefs que terán que elaborar en directo as súas creacións e tratar de convencer aos xurados, tanto ao profesional coma ao popular, de que a súa receita é a mellor. A continuación presentámosvos as súas propostas culinarias para ir abrindo o apetito:

  • “Outono en Doniños”, de Pablo Fuentes (Ferrol). Ingredientes como a carrilleira de porco, os boletus, a cigala, o touciño, o coco, as castañas e mesmo unhas follas de piñeiro dotan a esta tapa da capacidade de transportarnos a un dos lugares máis emblemáticos de Ferrol, a praia de Doniños.
  • “Bacallau á herculina”, de Nelssy Soriano (A Coruña). esta reinterpretación dunha famosa receita do gastrónomo Picadillo destaca pola inclusión de toques de cociña internacionais. Bacallau, pataca canaria engurrada e un toque do chile e o mollo verde converten a esta tapa nunha deliciosa viaxe polo mundo sen perder de vista á nosa terra.
  • “Montadito de tenreira galega e Arzúa Ulloa”, de Tomás Rubio (Santiago de Compostela). Baseada en dous dos mellores produtos da gastronomía galega, o solombo de tenreira e o queixo Arzúa Ulloa, esta tapa compleméntase cun ali-oli de ají, un sándwich de brioche, encurtidos e matices doces.
  • “O polbo emigrante atlántico & oriental”, de Rubén González (Pontevedra). Cunha proposta sorprendente pola súa presentación en dous medios cocos, esta tapa inclúe o polbo como ingrediente estrela, que aparecerá acompañado doutros singulares ingredientes como perliñas de algas, crocante de remolacha ou caldo de coco e curry.
  • “Codillo, setas e castañas”, de Pedro Méndez (Vigo). Unha tapa sinxela pero non por iso menos saborosa, na que destacan os ingredientes da tempada outonal. Un taco de codillo, parmentier de pataca trufada, cogomelos, castañas e pan de millo dan forma a esta proposta.
  • “Mantiña de castañas”, de Francisco Gómez (Ourense). Unha auténtica posta en valor dos produtos da Galicia interior, esta tapa inclúe un bolo de pan feito con fariñas autóctonas, xabaril, verduras da horta, cogomelos, cabaza, noces e castañas.
  • “Bonito ti!”, de Alejandro Méndez e Alejandro Ares (Lugo). O bonito de Burela é o protagonista dunha tapa que rende homenaxe á pesca da zona e que ademais inclúe guacamole, esferificacións de laranxa, iuca fritida, alga wakame ou xeado de maracuyá, entre outros ingredientes. Todo iso nunha presentación na que se amosan as ondas do mar, un ollo de boi e as redes de pesca mariñeiras.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *