As festas do arranque de maio reinvéntanse para manter viva a súa chama

A  covid volve poñer en xaque as celebracións tradicionais coas que varios municipios de Galicia dan a benvida ao mes de maio. Pero do mesmo xeito que hai un ano, os responsables destes festexos declarados de interese turístico e que gozan dun gran arraigamento traballan en propostas alternativas para evitar que caian no esquecemento e permitir que os sabores, os aromas, a arte e as coplas primaverais volvan reinar.

 

Festa da Troita

A Pontenova

O 1 de maio é día de celebración por partida dobre no municipio lucense da Pontenova desde o ano 1978. Foi entón cando arrincou a súa Festa da Troita, unha cita declarada pola Federación Nacional de Pesca como concurso de Interese deportivo nacional e que desde 1999 é tamén festa de interese turístico autonómico. Os certames para pescadores que se desenvolven nas augas do río Eo son o prato forte desta cita festiva, que habitualmente inclúe tamén outras propostas lúdicas como o sendeirismo e a música. Este ano non haberá celebración, pero os seus promotores traballan na organización dun acto simbólico para manter vivo o espírito da festa con vistas ao 2022.

Máis información en https://www.facebook.com/profile.php?id=100009400031694

 

Festa da Filloa de Muimenta

Cospeito

Nacida en 1992 para axudar a recadar fondos para a Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), a Festa da Filloa foi adquirindo cos anos unha personalidade propia, tal como se confirmou no 2008 coa súa declaración como celebración de interese turístico autonómico. A sobremesa tradicional á que está consagrada convértese cada primeiro de maio no prato estrela dunha xornada que enche de sabor o recinto feiral Manuel Vila e que mesmo dispón dun poema propio, o que lle dedicou a profesora e escritora  Marica Campo. A causa da imposibilidade de celebrar a festa o ano pasado, os seus organizadores propuxeron os veciños compartir a través das redes sociais como preparaban e degustaban filloas desde as súas casas, e nesta ocasión esperan volver sorprender o público cunha proposta alternativa.

Máis información en https://www.facebook.com/moexmu

 

Feira da Tenreira Galega

Láncara

Os veciños de Láncara terán que esperar por segundo ano consecutivo para celebrar como se merece a declaración como celebración de interese turístico da súa Feira da  Tenreira Galega. Do mesmo xeito que hai doce meses non poderán reunirse no recinto feiral da Pobra de San Xiao, pero iso non significará que deban renunciar a gozar do saboroso produto ao que homenaxean desde hai xa 22 anos. Para que o sabor da tenreira galega estea presente en todos os fogares do municipio o 1 de maio o concello entregará dous quilos de carne a cada fogar.

Máis información en http://bit.ly/FeiradaTenreiraGalega

 

Feira do Viño do Ribeiro

Ribadavia

A piques de cumprir as seis décadas de vida, a Feira do Viño do Ribeiro é un clásico do calendario festivo chegado o arranque do mes de maio. Produtores e adegas mostran nas casetas instaladas no recinto da Alameda de Ribadavia os prezados caldos da denominación de orixe máis antiga de Galicia. O programa de actividades desta celebración de interese turístico adoita incluír degustacións, catas, showcookings, certames, exposicións, visitas guiadas e outras actividades diversas durante toda a fin de semana. Por segundo ano, a Feira terá que prescindir desas exitosas propostas reinventándose para evitar aglomeracións. Por iso, os seus promotores traballan na realización de actividades en distintos puntos emblemáticos do municipio máis enfocadas á promoción entre os profesionais do sector.

Máis información en https://feiravinoribeiro.com/

 

Os Maios

Ourense

O primeiro domingo do mes de maio é a data na que os veciños de Ourense dan de forma oficial a benvida á primavera. Fano de xeito festivo cos Maios, unha celebración de raíz ancestral que combina a elaboración de figuras vexetais ornamentais co recitado de coplas satíricas convertendo o paseo central da Alameda nun espectáculo de formas, cores e diversión. Declarada festa de interese turístico hai agora 20 anos, a celebración volverá dispoñer este ano dunha proposta alternativa a través da iniciativa  Cantádeme un Maio, que anima os veciños a decorar as xanelas, os balcóns ou as portas das súas casas coas seus maios e a compartir as coplas durante a xornada do 2 de maio en espazos da cidade nos que sexa posible cumprir as medidas sanitarias contra a covid.

Máis información en https://cantademeunmaio.wordpress.com

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *