As festas buscan alternativas para manter viva a súa chama

É esta unha época do ano no que o calendario festivo empeza a encherse de datas sinaladas en vermello. As celebracións de corpus e outros festexos de carácter etnográfico que foron declarados de interese turístico deberían estar en plena conta atrás ou enchendo xa de animación e diversión as rúas de pobos e cidades. Pero a  covid provocou que moitos destes festexos fosen suspendidos. Aínda así, os organizadores non quixeron renunciar do todo á súa cita coa tradición e están a promover celebracións alternativas para manter viva a chama dos festexos.

 

Corpus Christi

Ponteareas

Declarada festa de interese turístico internacional, o Corpus Christi de Ponteareas é famoso polas espectaculares imaxes das alfombras florais cubrindo as rúas desa localidade pontevedresa. Nesta ocasión, a tradición que se remonta polo menos a mediados do século XIX terá que ser aparcada ata o 2021, pero os responsables municipais e os representantes dos grupos de alfombristas acordaron realizar unha campaña de difusión deste patrimonio etnográfico a través das redes sociais que sirva para comezar a promocionar xa o Corpus do próximo ano. 

https://www.facebook.com/concelloponteareas/

 

Festa das Alfombras Florais

Bueu

A celebración do Corpus Christi en Bueu tamén está ligada á imaxe das fermosas alfombras confeccionadas con flores por grupos de veciños e familias enteiras. Tres anos despois da súa declaración como Festa de Interese Cultural, a pandemia tamén obrigou a todas as partes implicadas a buscar fórmulas para reinventarse e manter viva a celebración. A principal opción que se expuxo é a confección dunha única alfombra no exterior da igrexa parroquial.

https://www.facebook.com/asociación-Cultural-Alfombras-de-Bueu-659429704166632/

 

Alfombras Flores do Corpus Christi

Ares

Hai algo máis dun mes, a Asociación de Alfombras de Ares e o Concello de Ares comunicaban con “gran pesar” a supresión este ano das actividades previstas para a fin de semana do 13 e o 14 de xuño por mor da covid. Lembraban que algúns dos aspectos principais desta celebración (de interese turístico desde o 2011) era o traballo conxunto, man a man, e durante varias semanas dos veciños máis veteranos, e durante a noite previa dos máis pequenos, algo que nas circunstancias actuais resulta imposible de levar a cabo. Os veciños rapidamente fixeron un chamamento para manter o colorido este ano adornando os balcóns das súas vivendas con flores esta fin de semana.

https://www.facebook.com/alfombrasfloralesdeares/

 

Festa do Corpus Christi

Redondela

A Festa da Coca de Redondela é outra das celebracións que foron aprazadas este ano, e con ela as tradicionais alfombras de Corpus Christi e o resto dos elementos que fixeron que a celebración fose declarada de interese turístico hai xa dúas décadas. Pero os tapices florais volverán estar presentes a través do concurso virtual promovido polo Concello. A intención é que os veciños realicen alfombras ou maquetas en miniatura desde as súas casas, que despois serán valoradas por un xurado e expostas a través das redes sociais municipais.

https://www.facebook.com/redondelaconcello/

 

Festa da Rosa

Mos

Tamén en Mos optaron por dar o salto ao mundo virtual para non deixar de gozar da súa Festa da Rosa (de interese turístico desde o ano 2014). Este ano a celebración trasládase integramente á web e incluirá actividades tan diversas como talleres, actuacións musicais, espectáculos infantís e vídeos. Non faltará tampouco o pregón inaugural, que este ano correrá a cargo de Anxo Pichel, Xefe de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, nin un concurso infantil de vídeos nas que os nenos poderán dar a coñecer as roseiras das súas vivendas. Máis de medio milleiro de persoas tomarán parte de forma activa nas actividades programadas.

https://www.facebook.com/concellodemos

 

Festa do Boi

Allariz

A participación veciñal é un dos elementos máis importantes da Festa do Boi (celebración medieval que no ano 2006 foi declarada de interese turístico) e os seus organizadores queren que este espírito se manteña este ano, a pesar da suspensión da celebración. É por iso que a Asociación Xan de Arzúa convocou un concurso de ambientación de fachadas para animar aos veciños a adornar as rúas da localidade con motivos medievais e artísticos e un certame de trobadores en formato vídeo que serán emitidos a través dos seus espazos na internet.

http://www.festadoboi.gal/

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *