As cinco catedrais de Galicia

A palabra “catedral” deriva de “cátedra”, o lugar no que senta o bispo á hora de presidir os oficios litúrxicos. Consecuentemente, Galicia conta con cinco catedrais, o mesmo número que as provincias eclesiásticas nas que se divide. Unha viaxe por elas é un voo pola antiga xeografía galega da época na que no país floreceron ducias de igrexas: os anos do románico.

Entre os séculos XI e XII, coa maior parte da Península dominada polos musulmáns, esta arte, a primeira enteiramente europea, enraizou na cornixa cantábrica. As cinco catedrais galegas están entre as mostras máis acabadas do estilo.

Indubidablemente, a máis visitada hoxe en día é a Catedral de Santiago, sé do Arcebispado compostelán. Aínda que sobre o antigo outeiro de Libredón se empezou a edificar xusto despois da descuberta do corpo do Apóstolo no 814, as obras da actual igrexa comezaron no 1075 baixo as ordes de Bernardo o vello. A súa entrada orixinal, o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, é seguramente a mostra máis perfecta da arte escultórica románica e actualmente está en proceso de restauración. As tres naves do templo, altas e esveltas, desmontan o prexuízo de que a arquitectura da época foi escura, misteriosa.

De principios do século XII data o comezo da Catedral de Mondoñedo, inconfundible polo espectacular rosetón que lle dá luz á nave principal. Situada nesta apracible vila do norte da provincia de Lugo, o inicio da súa existencia foi de todo menos tranquilo. De feito, o bispado tivo sé uns quilómetros ao norte durante tres séculos, en San Martiño de Mondoñedo, máis cerca do mar, nunha localización que a expoñía a frecuentes ataques de piratas normandos e viquingos. Mondoñedo comparte hoxe capitalidade de diocese con Ferrol.

Un pouco máis ao sur, a menos dunha hora en coche, atópase a Catedral de Lugo, moi ligada á Ruta Xacobea. Tamén iniciada no século XII, a súa fachada neoclásica mira con sobriedade cara á Porta de Santiago, punto de entrada dos peregrinos ao interior da muralla romana. É toda unha experiencia subir ao campanario antigo e divisar, desde o alto e ao abrigo das campás, a cidade aos pés e os montes lugueses, frecuentemente nevados no inverno, cara ao leste.

Seguindo a liña cara ao sur atópase a Catedral de Ourense, dedicada a San Martiño, santo de gran devoción en Galicia. Foi consagrada en 1188 e a súa fachada sur, a que dá á praza do Trigo, coas súas ameas, a súa portada románica e o seu reloxo rematado no XIV, transporta inmediatamente a quen a mira ao pasado medieval. Arredor dela os anos foron tecendo o dédalo de rúas que conforman a zona vella ourensá, fecunda noutro tipo de templos máis profanos, os da gastronomía.

Finalmente está a catedral da fronteira, a de Tui. Hoxe comparte titularidade diocesana coa concatedral de Santa María de Vigo. A súa situación nun alto sobre o río Miño, mirando a Portugal, conferiulle ese aspecto de igrexa-castelo tan característico. Aínda que a maior parte do edificio estaba rematado para 1180, a adición un século despois dunha espectacular portada gótica fíxoa única en Galicia.

O granito e o románico dan forma ás cinco sés episcopais de Galicia. A elas poderíanse sumar outras Catedrais, as de Ribadeo, esculpidas polo mar sobre a costa de lousa. Pero esta é outra historia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *